O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitou o Instituto Eduardo Blanco Amor, en Ourense, onde supervisou a ampliación do centro

A Xunta impulsa un total de 60 obras por máis de 5 M€ en centros educativos da provincia de Ourense

Avánzase na execución de oito grandes intervencións que inclúen ampliacións e reformas estruturais en colexios e institutos

As vacacións estivais aprovéitanse para acometer 52 actuacións menores “que tamén son clave para o bo funcionamento diario dos centros”, salienta o conselleiro

Ourense, 30 de xullo de 2025

A Xunta de Galicia está a executar este ano un total de 60 actuacións en centros educativos da provincia de Ourense cun investimento global de máis de 5 millóns de euros, segundo avanzou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, durante unha visita ao Instituto Instituto Eduardo Blanco Amor, na capital ourensá.

O titular do departamento explicou que están en marcha oito intervencións de gran envergadura, que inclúen ampliacións en colexios e institutos, así como reformas estruturais. Ademais, como é habitual durante os meses de verán, estase a aproveitar o período non lectivo para levar a cabo outras 52 melloras de menor entidade, centradas principalmente en traballos de mantemento e reparación.

No que atinxe ás obras de maior calado, actualmente en execución e con continuidade prevista nos próximos meses, a Xunta impulsa oito proxectos que suman un investimento de 4,7 millóns de euros. Entre eles destacan, ademais da ampliación do Instituto Blanco Amor (un millón de euros), outras tres intervencións principais que concentran preto de 3,2 millóns de euros: as ampliacións do Instituto Manuel Chamoso Lamas, no Carballiño (cun orzamento de 2,3 millóns de euros), e do Colexio CEIP Padre Crespo de Xunqueira de Ambía (con 355.000 euros), así como a renovación da cuberta do Colexio Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso, na Pobra de Trives, cun investimento de case 600.000 euros.

Pola súa parte, as actuacións menores, que tamén son fundamentais para o funcionamento diario dos centros, enmárcanse no Plan de benestar e accesibilidade na escola (Plan BEN_Estar 2025). Ao longo deste verán está previsto realizar 52 obras por un valor de máis de 500.000 euros, repartidas en 27 concellos da provincia.

Estas intervencións abranguen reparacións diversas, traballos de pintura, pequenas modificacións en instalacións eléctricas, fontanería, saneamento e baños, melloras nos sistemas de calefacción, renovacións puntuais de fiestras, portas ou lucernarios, adaptación de espazos e reposición de equipamento en cociñas escolares, entre outros.

Ampliación do Instituto

Durante a visita ao Instituto Eduardo Blanco Amor, Román Rodríguez coñeceu de primeira man o resultado das obras de ampliación e rehabilitación xa rematadas, centradas na mellora da eficiencia enerxética deste centro educativo de referencia. “Esta intervención tiña como obxectivo seguir mellorando as instalacións dun instituto exemplar no sistema educativo”, destacou o conselleiro.

A actuación supuxo a ampliación do centro en case 400m², coa construción dun novo volume en planta alta, coa planta baixa diáfana. Esta distribución permite incorporar tres novas aulas e configurar un corredor con espazos docentes a ambos lados, ademais de gañar unha zona cuberta tipo soportal.

Xunto á ampliación, acometéronse melloras estruturais como o cambio de 700 m² de cuberta, a renovación de 32 de carpinterías, a instalación de 126 luminarias LED e de novas caldeiras. Tamén se reforzou o illamento térmico do edificio, aplicando 157 m² de SATE e 80 m² de fachada ventilada de panel de composite, e incorporáronse tres baterías de sete captadores solares térmicos, apostando así pola utilización de enerxías renovables nos centros educativos.

A intervención completouse con traballos de pintura, reparacións varias e o pulido e abrillantado do pavimento de terrazo existente. Desta maneira, finaliza a obra, que comezou no mes de xuño de 2024.

Con estas melloras, o Instituto Eduardo Blanco Amor segue consolidándose como centro de referencia, tanto pola calidade das súas instalacións como polos seus logros educativos, como o recoñecemento STEMBach obtido este ano ou o Premio Stephen Hawking de investigación, outorgado polo Instituto Rosalía de Castro de Santiago.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2025