O conselleiro de Sanidade, xunto co director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde e o subdirector de Sistemas e Tecnoloxías da Información, explicou as novas ferramentas de despregue da intelixencia artificial na sanidade pública galega

Gómez Caamaño anuncia o investimento de 1,8 M€ en novos servizos de intelixencia artificial para axilizar a elaboración de informes médicos, apoiar a toma de decisións e resolver dúbidas dos pacientes

A plataforma de contratos da Xunta recolle a licitación dos contratos que desenvolveran estas novas prestacións, que se empezarán a aplicar na segunda metade do vindeiro ano

O conselleiro de Sanidade incide na importancia de manter o equilibrio entre innovación e control, para que a transformación que supón a intelixencia artificial teña un impacto positivo no día a día dos profesionais e usuarios da sanidade pública

Remarca a importancia destas novas ferramentas para os profesionais, ao apoiar o seu labor e contribuír a desburocratizar o seu traballo

Pon en valor o plan de transformación e saúde dixital da Consellería de Sanidade, dotado con 200 millóns de euros que, tendo como eixe principal o paciente, está a posibilitar a evolución do modelo de atención á cidadanía

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou hoxe a licitación, a través da plataforma de contratos públicos da Xunta, de dous contratos por importe de 1,8 millóns de euros para o desenvolvemento de novos servizos de intelixencia artificial que sirvan para axilizar a elaboración de informes médicos, apoiar a toma de decisións e resolver dúbidas dos pacientes.

O titular da carteira sanitaria, xunto co director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, e o subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información, Benigno Rosón, explicou a estratexia de despregue da intelixencia artificial na sanidade pública galega.

O obxectivo da Consellería de Sanidade con estas licitacións, financiadas dentro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea, é achegar maior capacidade para tomar decisións informadas, facer unha monitoraxe continua dos pacientes, contar con máis ferramentas para que os doentes poidan xestionar a súa saúde e, ademais, asistencia as 24 horas e anticipación.

Control preventivo e apoio diagnóstico

Tal e como detallou o conselleiro, o primeiro contrato ten por obxectivo o desenvolvemento de servizos de intelixencia artificial para realizar un control preventivo dos pacientes diabéticos, posibilitando incorporar procesos de detección automática baseados na información clínica que alertará aos profesionais sanitarios da aparición de diabetes en menores de 35 anos.

Gómez Caamaño dixo que na actualidade preto de 12.000 pacientes están integrados na plataforma E-diabetes, na que se recollen os datos glicémicos dos doentes identificando variacións nos mesmos.

O segundo dos contratos refírese á adquisición de servizos de apoio diagnóstico mediante algoritmos e a unha plataforma de intelixencia artificial xenerativa, que suporá numerosos beneficios para os pacientes, entre os que o conselleiro citou poder resolver dúbidas cos tratamentos farmacolóxicos, axudarlles a interpretar os informes médicos e resumir a súa historia clínica.

Gómez Caamaño incidiu na importancia desta contratación para os profesionais, ao contribuír a desburocratizar o seu traballo, posto que poderán estruturar a información contida na historia clínica do paciente, resumila e xerar propostas de informes de alta.

Tamén lles vai permitir realizar consultas personalizadas para obter información moi precisa en pouco tempo.

O conselleiro referiu que as ferramentas que desenvolverán estes dous contratos poderán ser aplicadas á práctica na segunda metade do vindeiro ano.

Aposta pola intelixencia artificial

Na súa intervención, Gómez Caamaño incidiu na importancia de manter o equilibrio entre innovación e control para que a transformación que supón a intelixencia artificial teña un impacto positivo no día a día dos profesionais e usuarios da sanidade pública.

Ao respecto, puxo en valor que Galicia é a primeira comunidade en desenvolver unha lei neste campo, ademais de poñer en marcha un plan de transformación e saúde dixital da Consellería de Sanidade para o período 2023-2026, dotado con 200 millóns de euros.

No marco desta liña de traballo, as dúas ferramentas que hoxe referiu o conselleiro reforzarán a asistencia á cidadanía.

Pola súa parte, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, remarcou os beneficios da aplicación no ámbito asistencial do dato, aplicándoo a casos da vida real e facendo un uso intelixente do mesmo, para acadar resultados en saúde.

Do que se trata, proseguiu o director, é axudar a eliminar o traballo que non achegue valor para poder destinar o tempo a outras tarefas que si o fagan.

O subdirector de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón, falou da experiencia que xa ten o departamento sanitario galego no uso da intelixencia artificial, e puxo como exemplo o apoio ao diagnóstico por imaxe médica, con máis de 700.000 imaxes analizadas por intelixencia artificial.

Tamén referiu que as ferramentas que se desenvolvan con estas licitacións, logo de ser probadas, incorporaranse á historia clínica para uso dos profesionais e á aplicación SergasMóbil para prestar servizos á cidadanía.

Igualmente, indicou que as plataformas que se despreguen no marco desta iniciativa serán extrapolables ao resto de comunidades autónomas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2025