Belén do Campo destaca o investimento da Xunta na “Pulpería Ezequiel” de Melide para a mellora da súa eficiencia enerxética

A delegada informou que na provincia foron beneficiados 45 establecementos por un importe de máis de 3,2 millóns de euros

Melide (A Coruña), 30 de xullo de 2025

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou, esta mañá, a “Pulpería Ezequiel”, en Melide, que contou cunha achega autonómica, en réxime de concorrencia non competitiva, dentro da liña de subvencións para a mellora da eficiencia enerxética en empresas turísticas de Turismo de Galicia do ano pasado, o que lle permitiu un importante aforro na súa factura eléctrica. A representante do Goberno autonómico destacou que na provincia foron beneficiados 45 establecementos por un importe de máis de 3,2 millóns de euros.

No caso desta axuda a subvención concedida destinouse a unha nova instalación de climatización e produción formada por bombas de calor con recuperación para dar frío ou calor a través de varios cassettes. Con esta intervención lógrase arrefriar e quentar o aire do local durante todas as épocas do ano  e impulsar e aspirar o aire do local para o seu tratamento térmico.

A delegada da Xunta  destacou a importancia de apoiar a un sector en auxe “con axudas que non só lles van a permitir aforrar na súa factura da luz, senón tamén mellorar a imaxe e a calidade dos servizos turísticos que se prestan no noso territorio” e lembrou que se trata dunha medida incluída dentro das accións que leva a cabo a Xunta de Galicia para avanzar nun modelo turístico sostible.

Convocatoria 2024

Con respecto ás solicitudes realizadas o ano pasado Belén do Campo lembrou que a Xunta reservou 11 millóns de euros en total, para apoiar a 150 empresas, para poder atender todas as peticións presentadas.

Con respecto a convocatorias anteriores, a do 2024 introduciu como novidade, a posibilidade de que as empresas de restauración -non só as de aloxamento- tamén puideran optar a elas.

Ademais, sufrágase a rehabilitación enerxética de todo o edificio ou dunha parte (na anterior eran edificios completos), non se pide antigüidade mínima dos edificios a rehabilitar e non hai unha esixencia mínima de aforro enerxético, entre outras.

Como norma xeral, a intensidade da axuda foi de ata un 70% do custo total subvencionable do proxecto; aínda que puido chegar ao 80 ou 90% no caso no que se acreditasen aforros de enerxía primaria non renovable dun 20 ou 30%.

Entre as actuacións subvencionables incluíanse a mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, das instalacións térmicas, a colocación de paneis fotovoltaicos para autoconsumo, renovación da iluminación e dos electrodomésticos e a instalacións de sistemas de automatización e control da enerxía. Os investimentos teñen que estar executados antes do 31 de decembro de 2025.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2025