Román Rodríguez destaca a proxección internacional da formación que se imparte no Clarinet Fest

Lalín (Pontevedra), 30 de xullo de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe as aulas do Clarinet Fest 2025, un evento que converte Lalín nun referente internacional da formación musical. Nesta sexta edición participan nove docentes, entre os que destacan sete clarinetistas de prestixio internacional, un pianista e un director. Na visita, o conselleiro asistiu á clase da intérprete Michelle Anderson, con 13 alumnos procedentes de Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, Suíza e Francia.

Así mesmo, Román Rodríguez salientou a importancia da III edición do Concurso Internacional de Repertorio Orquestral, que se desenvolve no marco do festival e que busca facilitar a inserción profesional de músicos con formación avanzada ou experiencia acreditada. Os gañadores terán a oportunidade de participar como músicos activos na tempada 2025/2026 en tres formacións sinfónicas: a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia e a Orchestre National de Cannes (Francia). O conselleiro destacou que este tipo de iniciativas consolidan Galicia como un espazo que aposta pola excelencia artística e pola proxección internacional do talento musical.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2025