Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20.00 h. de hoxe

Segue activo e en Situación 2, como medida preventiva, o incendio forestal do concello pontevedrés da Cañiza, parroquia do Couto, que afecta unha superficie estimada de arredor de 300 hectáreas. Neste lume xa está desactivado desde pola mañá o confinamento da poboación, que se decretara onte como medida de precaución en sete núcleos

Está extinguido, desde as 18.42 horas de hoxe, o incendio forestal do municipio pontevedrés de Tomiño, parroquia de Piñeiro, que finalmente afectou unha superficie de 27 hectáreas, das cales 25 son de superficie arborada e 2 de rasa

Deuse por extinguido ás 19.59 horas de hoxe o lume do concello pontevedrés de Salvaterra de Miño, parroquia de Pesqueiras, que finalmente afectou unha superficie de 47 hectáreas de monte arborado

Estabilizado o incendio forestal de Arbo, parroquia homónima, despois de iniciarse o martes ás 18.23 horas e que afecta arredor de 8 hectáreas, segundo as últimas estimacións provisionais

Continúa estabilizado, dende as 21.54 horas de onte mércores, o lume do municipio ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Carballeda, que segundo as últimas estimacións rolda as 20 hectáreas

Permanece controlado, dende as 21.15 horas de onte, o incendio da localidade lucense de Carballedo, parroquia de San Mamede de Lousada, que afecta unha superficie dunhas 16 hectáreas

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2025

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 20.00 horas de hoxe xoves.

Activo A Cañiza-O Couto, Situación 2

Segue activo o incendio forestal do concello pontevedrés da Cañiza, parroquia do Couto, no que se mantén declarada a Situación 2 como medida preventiva. Esta situación operativa de emerxencia decretouse pola proximidade do lume ao núcleo de poboación de Nogueiró. Con todo, esta mañá desactivouse, por parte da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, o confinamento da poboación de sete núcleos, que se activara onte á noite como medida de prevención. En ambos casos, o aviso xerouse por medio do sistema ES-Alert.

Este lume iniciouse ás 16.23 horas de onte mércores en ata cinco puntos diferentes de forma case simultánea, o que apunta unha clara intencionalidade. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 300 hectáreas. Polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 25 axentes, 38 brigadas, 27 motobombas, 6 pas, 8 técnicos, 7 unidades técnicas de apoio, 7 avións e 10 helicópteros. Ademais, tamén participan nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Extinguido Tomiño-Piñeiro

Está extinguido, desde as 18.42 horas de hoxe, o incendio forestal do municipio pontevedrés de Tomiño, parroquia de Piñeiro, que finalmente afectou unha superficie de 27 hectáreas, das cales 25 son de superficie arborada e 2 de rasa. Para a extinción deste lume, que se iniciou ás 02.42 horas da madrugada de onte mércores, mobilizáronse polo de agora 2 técnicos, 15 axentes, 16 brigadas, 13 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.

Extinguido Salvaterra-Pesqueiras

Deuse por extinguido ás 19.59 horas de hoxe o lume do concello pontevedrés de Salvaterra de Miño, parroquia de Pesqueiras, que finalmente afectou unha superficie de 47 hectáreas de monte arborado. O incendio comezou ás 15.45 horas do luns e para a súa extinción mobilizáronse 4 técnicos, 17 axentes, 28 brigadas, 22 motobombas, 4 pas, 1 unidade técnica de apoio, 8 helicópteros e 9 avións.

Estabilizado Arbo-Arbo

Ás 12.15 horas deste mediodía deuse por estabilizado o incendio forestal de Arbo, parroquia homónima, despois de iniciarse o martes ás 18.23 horas. Neste lume foi preciso decretar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación, unha situación operativa de emerxencia que foi desactivada ás 23.55 horas do martes. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta arredor de 8 hectáreas. Polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 8 axentes, 20 brigadas, 13 motobombas e 2 helicópteros.

Estabilizado Carballeda de Avia-Carballeda

Permanece estabilizado, dende as 21.54 horas de onte mércores, o lume do municipio ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Carballeda, que segundo as últimas estimacións rolda as 20 hectáreas e no que, antes desta nova estabilización, rexistrouse unha reprodución. O incendio iniciouse ás 12.59 horas do martes e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 5 técnicos, 29 axentes, 46 brigadas, 27 motobombas, 3 pas, 1 tractor, 4 helicópteros e 8 avións.

Controlado Carballedo-San Mamede de Lousada

Segue controlado, dende as 21.15 horas de onte mércores, o incendio da localidade lucense de Carballedo, parroquia de San Mamede de Lousada. O lume, que comezou ás 16.41 horas do martes, afecta unha superficie dunhas 16 hectáreas. Ata o de agora mobilizáronse para o seu control 1 técnico, 14 axentes, 25 brigadas, 28 motobombas, 3 pas, 3 helicópteros e 3 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 31/07/2025