Rueda anuncia que a Xunta aproba un teito de gasto non financeiro que supera por primeira vez os 14.000 M€
Destaca que Galicia é a segunda comunidade en aprobar esta medida, fundamental para ter listas as contas de 2026 en tempo e forma
Lembra que os orzamentos “son os piares sobre os que se constrúe a acción de calquera Goberno” e que a falla deles limita os investimentos e a posta en marcha de novas políticas
O conselleiro de Facenda resalta que o peso dos recursos propios é cada vez maior nos orzamentos do Goberno galego, o que permitirá incrementar en 223 M€ a capacidade de gasto
En canto á economía galega, mellora nunha décima o inicialmente estimado para este ano, e no que respecta ao paro, prevese que no 2026 se sitúe por debaixo do 8 %, rozando cifras históricas
Corgos lamenta que o Goberno central agardara ás últimas 48 horas para comunicar as entregas a conta, e recordou que as cantidades anunciadas proveñen dos impostos que pagan os galegos
Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou na súa reunión extraordinaria “un teito de gasto que supera por primera vez na historia da comunidade autónoma de Galicia os 14.000 millóns de euros”. En concreto, o límite de gasto non financeiro para o exercicio 2026 ascende a 14.177 millóns de euros, un 1,6 % máis que no presente exercicio.
Rueda resaltou que Galicia é a segunda comunidade -tras Canarias- en aprobar o teito de gasto e remitilo ao seu Parlamento. Unha medida fundamental para poder ter os orzamentos do vindeiro ano aprobamos en tempo e forma. “Os orzamentos son os piares sobre os que se constrúe a acción de calquera Goberno. A falla deles limita de xeito drástico as posibilidades de lanzar novos investimentos, programas novidosos ou adaptar as políticas aos cambios da sociedade”, indicou para resaltar que o obxectivo da Xunta é que Galicia “siga senda referencia e excepción de estabilidade, de sentidiño e de visión a longo prazo”.
Tal e como explicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, o teito de gasto hoxe aprobado “conta cun cun maior peso dos recursos propios”, o que permitirá incrementar a capacidade de gasto en 223 millóns de euros.
Isto é así porque a suba dos recursos ordinarios para o vindeiro exercicio compensa a lóxica baixada dos recursos do Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR), en 338 millóns, por ser 2026, en concreto ata agosto, o último ano en que se poden executar. A suba dos recursos autonómicos en 485 millóns, sumada ao incremento dos 76 millóns de fondos finalistas doutras administracións e depurado o efecto dos fondos do MRR, supón unha cifra histórica na capacidade de gasto para 2026.
Deste xeito, Galicia esgotará o ano que vén a súa capacidade de gasto legal e aproveitará parte dos recursos que o Goberno central non lle permite gastar para reducir o endebedamento, mellorando aínda máis a súa solvencia. Corgos lembrou que a xestión responsable que a Xunta fai dos recursos “permitirá encadear seis anos consecutivos de crecemento” sustentable, que facilitará seguir creando emprego e rebaixar a taxa de paro, rozando cifras históricas.
Un ano máis, a Xunta de Galicia cumpre co establecido na Lei galega de disciplina orzamentaria de 2011 e aproba o teito de gasto non financeiro, que agora será remitido ao Parlamento para o seu debate e posterior actualización. Así mesmo, a Comunidade seguirá traballando para aprobar e entregar ao Parlamento os orzamentos no mes de outubro.
Retraso nas entregas a conta
Na súa intervención, tanto o presidente coma o conselleiro lamentaron que, ata dous días antes de dar a coñecer estas cifras, o Goberno central non informara sobre as entregas á conta, e que non se convocara, como é preceptivo, o Consello de Política Fiscal e Financeira, polo que se descoñece aínda a senda de estabilidade que debe rexer as contas.
Destacaron tamén que esta comunicación se faga cando aínda non se ten ingresado todo o previsto para este 2025 e lembrou que as cantidades anunciadas para o vindeiro ano non se xeran por vontade do Goberno central, senón que proveñen dos impostos que pagan os galegos. Corgos, ademais, lamentou que a regra de gasto fixada polo Goberno central sen consensuala coas CC.AA. non permita dedicar a gasto produtivo e a reforzar os servizos públicos nada máis que a metade do que medran as entregas a conta, algo menos de 350 millóns.
Corgos insistiu na importancia de “achegar certezas a familias e empresas” a estabilidade e a previsibilidade do Goberno galego, que de novo prevé contar en tempo e forma cos orzamentos, achegando certezas a familias e empresas, nun contexto de incerteza como o que estamos a vivir, marcado polo mantemento de conflitos en Ucraína e Oriente Medio, a arbitraria política arancelaria por parte de Estados Unidos; así como pola inestabilidade política e financeira de España, cuns orzamentos prorrogados desde 2023, e a falta de convocatoria do CPFF para achegar ás comunidades datos sobre o obxectivo de estabilidade.
Cadro macroeconómico
Ademais da aprobación do teito de gasto, a Xunta actualiza con prudencia o seu cadro macroeconómico para este exercicio e mellora tanto a estimación de crecemento do PIB como a taxa de paro para 2026.
En canto ao crecemento da economía galega, o Goberno autonómico prevé un avance dunha décima sobre o inicialmente estimado, ao pasar do 2,3% fixado nos orzamentos en vigor ao 2,4%, e do contorno do 2% no vindeiro ano. E, en relación coa taxa de paro, cómpre salientar que a Xunta xa conseguiu estabilizala por debaixo do 10% desde hai dous anos e, para 2025, prevé que a media do ano baixe ata o 8,3% -case un punto menos do previsto inicialmente-, ata situarse de media en 2026 por debaixo do 8%, en concreto no 7,8%.
Con estas estimación económicas, a Xunta garante un ano máis de estabilidade para dar resposta aos retos que se enfronta Galicia.