A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asinou hoxe co presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, o convenio de colaboración para esta intervención
A Xunta colabora coa Autoridade Portuaria da Coruña para construír un edificio de servizos na zona do Parrote, que suporá un investimento de 457.000€
A Administración autonómica cooperará no financiamento deste inmoble, cuxas obras licitará e executará a Autoridade Portuaria
Construirase un edificio que constará dun almacén para pequenas embarcacións con acceso directo ao exterior, vestiarios, duchas, un local e unha terraza con vistas ao mar
A Xunta avanza nas obras da plataforma flotante do Parrote, no marco doutro convenio de colaboración entre o Goberno galego e a Autoridade Portuaria, que se prevé que estea rematada a finais de verán
A Coruña, 1 de agosto de 2025
A Xunta colabora coa Autoridade Portuaria da Coruña para a construción dun edificio de servizos na área da plataforma flotante do Parrote, no porto da Coruña. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asinou hoxe co presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, o convenio para o desenvolvemento esta actuación, que suporá un investimento de máis de 450.000€ (457.399€).
De acordo ao convenio, a Xunta coopera no financiamento da construción deste inmoble, que licitará e executará a Autoridade Portuaria. En concreto, habilitarase un edificio que se abre ao mar e cun deseño integrado na contorna, no que se disporán distintos servizos para os usuarios que se acheguen ao espazo.
Trátase dunha construción dunha única planta, cuxa disposición proporcionará unhas atractivas vistas cara ao porto e ao castelo de San Antón. O edificio constará dun almacén para pequenas embarcacións con acceso directo ao exterior, vestiarios, duchas, unha estancia para o persoal de socorrismo e un local cunha ampla terraza con vistas ao mar.
M. Allegue destacou a colaboración coa Autoridade Portuaria para a execución deste inmoble no marco do compromiso da Xunta coa cidade da Coruña. Neste senso, lembrou que a Administración autonómica está a executar nestes momentos a estrutura flotante do Parrote, no marco doutro convenio co ente portuario e que supón unha das primeiras actuacións do proxecto Coruña Marítima “para recuperar a relación da cidade co mar”.
Plataforma do Parrote
A Xunta avanza nas obras desta plataforma, que levan un 70% de execución, co obxectivo de telas listas a finais deste verán e a conselleira sinalou que nos vindeiros días comezarase a instalar os pantaláns de que disporá a estrutura flotante.
Cun investimento de 2,9M€, esta infraestrutura moderna e accesible permitirá o desenvolvemento de actividades náuticas de recreo.
O uso desta nova instalación será compatible coas zonas de paso de embarcacións e do tránsito marítimo, ademais de coa actividade marisqueira propia do Parrote.