A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, deu conta deste compromiso do Goberno galego para participar nesta infraestrutura que se estenderá de Porta do Sol ao Barrio do Cura

A Xunta compromete un investimento de 17,8 M€ para a cofinanciación da prolongación do túnel de Elduayen en Vigo

M. Allegue subliña que a Xunta “cumpre o seu compromiso cos vigueses” 

A conselleira pide ao alcalde o mesmo compromiso para asinar xa o convenio para o desenvolvemento do ámbito PS-1 da ETEA, que a Xunta ten preparado só á espera a firma

Vigo, 1 de agosto de 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, anunciou hoxe en Vigo o compromiso da Xunta para participar cun financiamento de 17,8M€ nas obras de prolongación do túnel de Elduayen na cidade olívica.

“Cumprimos o compromiso que dimos aos vigueses”, destacou M. Allegue, que lembrou que a ampliación do túnel foi un dos asuntos abordados na recente sesión da Comisión de Infraestruturas creada tras a reunión o pasado ano entre o presidente Alfonso Rueda e o alcalde Abel Caballero. Unha vez valorada a documentación remitida polo Concello, a Xunta compromete este financiamento que permitirá a prolongación deste túnel dende Porta do Sol ata o Barrio do Cura.

Allegue reiterou “o compromiso total coa cidade, onde esperamos seguir avanzando con máis proxectos” e pediu ao rexedor esta mesma responsabilidade con outra infraestrutura de transcendencia para Vigo como é a ETEA. Lembrou neste senso que a Xunta ten todo preparado para a sinatura do convenio para desenvolver o ámbito PS1, e só está a espera do Concello vigués.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/08/2025