A Xunta convoca o primeiro Comité Técnico do Mosquito Tigre de 2025 co obxectivo de coordinar as actividades de control entre os diferentes organismos
A Consellería de Sanidade convocou aos Concellos onde se detectou presenza, así como aos organismos que se encargan da súa vixilancia, control e seguimento
Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2025
A Consellería de Sanidade convocou esta mañá o primeiro Comité Técnico do Mosquito Tigre correspondente a 2025 para coordinar as actividades destinadas ao control desta especie, reunindo aos Concellos nos que se detectou a presenza deste vector no ano 2024.
O comité, creado en agosto do ano 2023 despois da primeira notificación de presenza no concello de Moaña, constitúe un espazo clave para o intercambio de información e o coñecemento entre organismos implicados, así como para coordinar as actuacións de vixilancia e control nas zonas do Morrazo, Vigo e Redondela.
Na xuntanza participaron profesionais da Dirección Xeral de Saúde Pública do ámbito da epidemioloxía e saúde ambiental, entomólogos da Universidade de Vigo, representantes de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, de Emerxencias 112-Galicia, da área sanitaria de Vigo, do departamento territorial de Sanidade de Pontevedra, da Deputación Provincial de Pontevedra, de Sanidade Exterior e dos Concellos nos que se detectou a presenza do mosquito tigre no ano 2024, Moaña, Vigo, Redondela e Vilaboa, estando ausentes os Concellos de Cangas e do Porriño.
Durante a reunión, os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública e os entomólogos da Universidade de Vigo presentaron o balance da campaña 2024 e analizaron a situación actual do mosquito Aedes albopictus en Galicia.
Segundo os entomólogos, o pasado ano rexistrouse unha lixeira diminución da abundancia do mosquito, aínda que se observou unha expansión xeográfica. Nos próximos meses avaliarase se esta tendencia se confirma e se as medidas preventivas e de control realizadas pola Xunta e polos concellos afectados están a resultar efectivas. Segundo se comunicou na reunión, o informe do ano 2024 publicarase esta semana na páxina web da Consellería de Sanidade.
O comité tamén abordou as principais accións previstas para este 2025, como o reforzo da vixilancia nos municipios onde o mosquito tigre xa está presente, tanto de forma establecida como introducida, co obxectivo de analizar a súa abundancia, así como nos municipios limítrofes para avaliar unha posible expansión.
Ademais acordouse seguir coas campañas de información e concienciación cidadá sobre medidas preventivas individuais, coas accións formativas e informativas e promover activamente a utilización da aplicación de ciencia cidadá Mosquito Alert.
Por outra banda, a Consellería de Sanidade informou da recente sinatura do novo convenio de colaboración para a vixilancia de vectores entre a Xunta (a través das Consellerías de Sanidade e do Medio Rural) e as Universidades de Santiago e de Vigo, encadrado dentro da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (REGAVIVEC).
Dentro do comité se subliñou a necesidade de avanzar na implantación de programas de xestión integrada do vector Aedes albopictus a nivel municipal, en consonancia co Plan Nacional de Prevención, Vixilancia e Control das Enfermidades Transmitidas por Vectores, publicado polo Ministerio de Sanidade.
Por último, insistiuse na importancia de implicar á cidadanía na eliminación de focos de cría en ámbitos privados e na súa participación, a través da plataforma Mosquito Alert, na detección e seguimento deste vector, en colaboración coa Rede Galega de Vixilancia de Vectores.
Máis información: https://www.sergas.es/Saude-publica/Mosquito-tigre?idioma=ga