A Xunta ultima a Lei do clima para que Galicia estea mellor preparada para afrontar episodios de calor como a vaga desta semana
Anomalías puntuais coma esta non poden atribuírse unicamente ao cambio climático, pero que cada vez son máis habituais polo quecemento global, polo que é importante adoptar medidas para facerlles fronte
A Lei do clima permitirá afrontar con máis garantías eventos meteorolóxicos adversos con medidas como as axudas do Executivo galego aos concellos para a creación de refuxios climáticos ou a mellora dos sistemas de alerta temperá
O balance climatolóxico de MeteoGalicia do mes de xullo revela que o mes estivo na liña dos últimos anos, sen destacar especialmente entre os máis cálidos e secos, e que agosto seguirá a mesma tendencia prevéndose algunhas precipitacións
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que a Xunta está a ultimar a Lei do clima, que inclúe medidas que axudarán a que Galicia estea mellor preparada para afrontar episodios de calor como a vaga rexistrada esta semana.
A responsable autonómica lembrou durante a presentación do balance climatolóxico de MeteoGalicia do mes de xullo que anomalías puntuais coma esta non poden atribuírse unicamente ao cambio climático, pero si que cada vez son máis habituais froito do quecemento global, polo que é importante adoptar medidas para facerlle fronte.
Neste sentido, incidiu en que o anteproxecto de Lei do clima será aprobado polo Consello da Xunta nas vindeiras semanas para o seu debate en setembro no Parlamento de Galicia. Esta nova normativa suporá elevar ao rango de lei o obxectivo de acadar a neutralidade climática no horizonte do ano 2040, dez anos antes do que marca Europa, e reducir en 2030 as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (GEI) un 75% en relación con 1990, ano de referencia a nivel mundial para as políticas climáticas.
Galicia foi pioneira ao establecer por escrito o seu compromiso de acadar a neutralidade climática en 2040, o que situou á comunidade á vangarda da loita contra o quecemento global e da transición enerxética. Neste sentido, a Lei do clima suporá ir máis aló para ofrecer o mellor servizo á cidadanía nesta materia e afrontar con máis garantías episodios meteorolóxicos e climáticos extremos.
De feito, o Executivo galego xa adoptou medidas como as axudas para a creación de refuxios climáticos nos concellos -cunha primeira convocatoria este ano na que se aprobaron 42 achegas a 35 concellos por importe de 2 millóns de euros-, que contribúen a que a poboación teña zonas verdes nas que protexerse da calor, a mellora dos sistemas de alerta temperá fundamentais para cuestións como os incendios ou as inundacións, a incorporación da intelixencia artificial na mellora da predición de fenómenos meteorolóxicos adversos ou o rexistro da marca Refuxio Climático.
Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, salientou a importancia desa lei, ao abeiro da que se seguirán impulsando e reforzando accións deste tipo para que Galicia estea segura ante o cambio climático e siga sendo sinónimo de calidade e un lugar amable para vivir e visitar.
Balance climatolóxico
En canto ao balance climatolóxico de MeteoGalicia do mes de xullo, a conselleira salientou que foi un mes moi cálido e seco, pero tampouco entre os que rexistraron as cifras de temperaturas máis altas. De feito, o valor medio foi de 20,9 graos centígrados, sendo o valor das máximas de 25,4 graos, 1,3 graos de anomalía térmica en relación coa media histórica que se remonta a 1961, con días rozando case os 40 graos en Ourense.
En canto ás choivas, as precipitacións estiveron moi por debaixo do esperado, pero sen destacar especialmente en relación con xullos anteriores pois houbo outros meses moito máis secos en exercicios previos.
Sobre a previsión de agosto, a responsable autonómica incidiu en que seguirá a mesma tendencia que xuño e xullo pois as estimacións do servizo europeo Copernicus apuntan a un mes de agosto cálido e relativamente normal en canto a choiva coa chegada dalgunha borrasca ou área de inestabilidade na segunda quincena.
Ante a vaga de calor desta semana, Ángeles Vázquez tamén lembrou recomendacións para protexer a saúde como non realizar actividades físicas intensas baixo o sol, hidratarse permanentemente e beber auga aínda que non se teña sede, comer alimentos frescos, froitas e verduras, evitar a exposición prolongada ao sol, utilizar protección solar de alta gradación e protexer a cabeza cun sombreiro ou gorra, entre outras.