A delegada territorial, Martina Aneiros, participou esta mañá no acto de presentación que tivo lugar na sala de Curuxeiras, en Ferrol

A Xunta respalda a sexta edición do Nachiños Fest no marco dos concertos do Xacobeo que este ano se traslada ao porto de Curuxeiras

A cita, que terá lugar os días 14, 15 e 16 de agosto no Porto de Curuxeiras, “amplía a oferta turística e de ocio na temporada estival de Ferrolterra”, indica Aneiros

Ferrol, 5 de agosto de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na sala de Curuxeiras na presentación da sexta edición do Nachiños Fest, enmarcado nos Concertos do Xacobeo, que terá lugar os días 14, 15 e 16 de agosto. Este festival, que un ano máis conta co respaldo do Goberno galego a través de Turismo de Galicia, trasládase ao porto de Curuxeiras.

Acompañada de representantes do Concello de Ferrol e da organización do evento, Aneiros destacou a boa saúde desta proposta musical que alcanza este ano a súa sexta edición. “Un festival que introduce unha nova oferta turística e de ocio na temporada estival de Ferrolterra cun cartel de gran nivel con variados estilos musicais, dende o sempre presente indie ata o pop rock, incluíndo tamén importantes referencias musicais de Galicia”. Haberá caras coñecidas do panorama nacional como Sexy Xebras e Malmö 040 que compartirán escenario con formacións galegas como Ortiga, Filloas ou 9Louro.

A delegada territorial destacou na súa intervención o compromiso da Xunta con eventos como o Nachiños Fest que “non só ofrecen música de calidade, senón que ao mesmo tempo promocionan a nosa cidade e comarca, fomentando o turismo, especialmente o turismo de festivais que tan ben está resultando en Galicia nos últimos anos”.

Martina Aneiros destacou o “excepcional medio” que festivais como o Nachiños supoñen á hora de difundir os atractivos turísticos, patrimoniais e gastronómicos cos que conta a Comunidade Autónoma, “á vez que serven para atraer visitantes ás contornas onde se celebran” e agradeceu o traballo dos “promotores e organizadores deste evento musical” pola súa contribución a “poñer a Ferrol e Galicia no mapa do panorama musical nacional e mesmo europeo”.

As entradas para asistir ao festival xa están á venda na páxina oficial do Nachiños Fest. O prezo das mesmas oscila entre os 33 euros das entradas diarias e os 55 euros do abono de dúas xornadas.

Concertos do Xacobeo, nos principais eventos de Galicia

A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo con máis de 150 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 70 localidades de toda Galicia.

Na provincia da Coruña, Concertos do Xacobeo suma máis de medio centenar de eventos. Concretamente, na contorna de Ferrol, superarase a decena de ciclos, festivais e concertos: o ciclo Maresía, o FeneRock, o MeirásLand, o Nachiños Fest, o Perla Mural Fest, o Orballo Cultural e os concertos das Festas de Ferrol, con Omar Montes, Mondra, Vicco, Lérica e Chema Rivas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/08/2025