A hospedería viguesa do Berbés cumpre cinco anos

O albergue público de Vigo recibe ao seu peregrino 50.000 e o Camiño da Costa continúa batendo récords

A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, recibiron ao camiñante nas instalacións do Berbés

Mario Rodrigues, procedente de Porto e residente en Canadá, realiza o Camiño de Santiago por terceira vez tras completar o Francés e o Portugués tradicional

A ruta xacobea que atravesa Vigo xa recibiu este ano a 57.000 peregrinos, un 22% máis que en 2025, e na última década son xa máis de 350.000 persoas

Vigo, 27 de xullo de 2026

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, recibiron este luns ao camiñante número 50.000 que se aloxa no Albergue de Peregrinos “Juan Manuel López Chaves” desde a súa apertura. O establecemento, que funciona xa a pleno rendemento desde xullo de 2021 no barrio do Berbés, acadou a cifra neste mes de xullo de 2027 no que está a bater todos os rexistros.

Os representantes autonómicos recibiron a Mario Rodrígues Ribeiro, de 66 anos, procedente de Porto, natural de Viana do Castelo e residente en Canadá, e amosaron a súa “satisfacción” pola cifra  acadada. Así, destacaron o acerto do Goberno galego cando decidiu investir 1,8 millóns de euros para dotar á cidade do seu primeiro albergue público no Casco Vello. “Os números avalan a decisión que tomamos para a rehabilitación dos edificios nun lugar emblemático”, sinalaron.

Segundo explicou Ana Ortiz, a día de hoxe, máis de 57.700 camiñantes xa recolleron a súa compostela tras pasar por Vigo. “É unha cifra estratosférica, un 22 por cento máis que en 2025, cando houbo 90.000 peregrinos, pero quero incidir en que o dato real é moito maior, posto que hai centos que non recollen a súa acreditación no Bispado de Santiago”, apuntou.

Pola súa banda, o comisario do Xacobeo 2027 sinalou que “Mario é un exemplo do que representa o Camiño da Costa, ven de Portugal pero reside en Canadá, unha internacionalidade que está moi presente nesta ruta xacobea”. Marcos Gómez Román tamén incidiu en que “oito de cada dez peregrinos veñen de fóra, polo que supón para o impacto económico, xeración de emprego e proxección de Galicia ao exterior”.

Peregrinos internacionais

Ademais, a delegada territorial insistiu neste dato que “incide directamente na economía local” como é o feito de que dos 57.000 peregrinos recibidos en 2026, 7.700 foron americanos, case 6.000 alemáns e 4.400 italianos. “Falamos de peregrinos con alto poder adquisitivo que paran varios días en Vigo, nos nosos hoteis, comercios e restaurantes”, sinalou.

Tamén apuntou Ortiz que desde que foi declarado oficial o Camiño Portugués da Costa, en maio de 2016, xa realizaron esta ruta máis de 350.000 persoas. “Creo que con iso queda todo dito da importancia e da potencialidade do trazado que pasa por Vigo, pero por desgraza temos que lamentar a negativa do alcalde Abel Caballero a sinalizar a ruta ao paso polas nosas rúas, o que provoca que numerosos peregrinos se perdan”, remachou.

Comercio e hostalería

No recibimento ao peregrino tamén estiveron presentes os responsables da Federación Provincial de Comercio de Pontevedra (Feprohos), Iván Iglesias; da Asociación de Hostalería de Vigo (Ahosvi), Daniele Provezza, e da Asociación de Comerciantes Zona Náutico, Rubén Pérez.

Albergue con 90 prazas

O edificio do albergue conta con seis plantas nunhas instalacións accesibles para dar resposta á demanda de aloxamento. A infraestrutura ten capacidade para unhas 90 persoas en 7 habitacións e dispón tamén de cociña, comedor, zona de ocio e aseos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/07/2026