Belén do Campo destaca na súa visita a “Cocina Económica de La Coruña“ o labor esencial que desenvolve na atención ás persoas máis vulnerables

A delegada da Xunta lembrou que o Goberno galego apoia o labor desta institución a través da liña de axudas de Iniciativa Social para a promoción de actuacións de servizos sociais e comunitarios

A Coruña, 6 de agosto de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou hoxe as instalacións da “Cocina Económica de La Coruña”, onde quixo salientar o papel fundamental que desempeña esta entidade para garantir a alimentación e a atención ás persoas máis necesitadas da cidade. A delegada destacou que é a institución máis antiga de España e Europa, fundada en 1886, 139 anos sen pechar nin un só día, ofrecen aos seus usuarios 1.500 racións diarias.

Durante a visita, a delegada puxo en valor o compromiso solidario e o traballo continuo que realiza converténdose nun referente no apoio social e na atención ás situacións de exclusión. A “Cocina Económica de La Coruña” é unha peza clave no tecido social da Coruña, que actúa con humanidade e eficacia alí onde máis se precisa”, asegurou.

Ademais, lembrou que a Xunta de Galicia apoia o seu labor a través da liña de axudas de Iniciativa Social para a promoción de actuacións de servizos sociais e comunitarios e inclusión social, da que a entidade é beneficiaria. Entre os anos 2023 e 2025, esta colaboración supón unha achega de 240.000 euros, destinada a reforzar os servizos que presta a diario á cidadanía máis vulnerable. Neste senso a representante do Goberno autonómico confirmou que na previsión desta mesma orden deste ano, que se resolverá en setembro, poderán chegar ao tope previsto para a actividade que realizan, de 300.000 euros en dúas anualidades, 25-27, o que suporía un incremento do 25 %, para este tipo de centros tal e como recolle a propia orden.

A representante do Goberno galego reiterou o compromiso da Xunta co fortalecemento da rede de apoio social e co traballo conxunto coas entidades do terceiro sector: “O noso obxectivo común é garantir unha Galicia máis xusta, igualitaria e solidaria”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/08/2025