A Xunta licita a compra de equipamento para a realización de procedementos diagnósticos hemodinámicos e intervencionistas coronarios no Servizo Galego de Saúde por importe de 4,8 millóns
O contrato ten unha vixencia inicial de tres anos, prevendo unha posible prórroga por dous anos máis
Trátase da primeira contratación centralizada deste tipo de material, coa que se prevé un aforro de 409.000 euros para os cinco anos de vixencia máxima do contrato
Os avances técnicos dos últimos anos permitiron contar con novos dispositivos diagnósticos e terapéuticos nos servizos de hemodinámica
Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2025
O Goberno galego publicou, no Portal de Contratos de Galicia, por medio da Consellería de Sanidade, a licitación do subministro sucesivo de guías de presión, catéteres diagnósticos e adquisición de licencias de software, así como a posta a disposición do equipamiento necesario para a realización de procedementos diagnósticos hemodinámicos e intervencionistas coronarios, con destino ás áreas sanitarias da Coruña e Cee; Santiago de Compostela e Barbanza; Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; Pontevedra e O Salnés; e Vigo, por importe de 4.801.742 euros.
As empresas interesadas nesta licitación teñen de prazo ata o 12 de setembro para presentar as súas ofertas.
O contrato prevé unha duración inicial de tres anos, prevendo unha posible prórroga por dous anos máis. Neste caso, o valor estimado do contrato acada os 7,4 millóns de euros.
Trátase da primeira contratación centralizada deste tipo de material, coa que se prevé un aforro estimado en 409.000 euros para os cinco anos de vixencia máxima que prevé o contrato.
Avances técnicos
Cada ano morren máis persoas por algunha enfermidade cardiovascular que por calquera outra causa, sendo a máis común a arteriopatía coronaria, que afecta aos vasos sanguíneos que abastecen ao músculo cardíaco.
Os avances técnicos dos últimos anos permitiron contar con novos dispositivos diagnósticos e terapéuticos nos servizos de hemodinámica.
As guías intracoronarias de presión son dispositivos médicos utilizados en cardioloxía intervencionista para avaliar a severidade das obstrucións nas arterias coronarias, medindo a presión dentro das mesmas antes e despois dunha estenose (estreitamento) para determinar se a obstrución está a causar unha redución significativa do fluxo sanguíneo.
A ecografía intracoronaria é unha técnica diagnóstica que consiste na obtención de imaxes mediante o uso de ultrasóns orixinados por uns transductores miniaturizados que se introducen nas arterias coronarias. As imaxes obtidas e procesadas son cortes de 360º das arterias coronarias, dando información do vaso, da estenose real da lesión, do tipo de placa que hai (calcificada, lipídica ou fibrótica) e do estado do resto do vaso. O intervencionismo facilita unha adecuada elección do stent que se vai implantar.
Produtos que se adquirirán con este contrato
Entre os dispositivos que se adquirirán a través do contrato hoxe licitado están guías de presión para a avaliación de fisioloxía e microcirculación coronaria con conexión sen fíos; guías de presión para avaliación da fisioloxía coronaria en arterias con lesións longas, en arterias con lesións focais ou en arterias tortuosas. Tamén se mercarán catéteres diagnósticos para ecografía intracoronaria.
Igualmente, e como novidade, adquirirase un software para a avaliación de reserva fraccional do fluxo coronario, con posibilidade de determinación de lonxitude de lesión, diámetro do vaso e diámetro luminal a partir da anxiografía coronaria.
Esta publicación realízase licitando os lotes necesarios para dar unha cobertura integral e acorde ás necesidades das áreas sanitarias.