A Xunta leva os oficios artesanais ao courel ata o domingo con cursos e obradoiros abertos a todos os públicos
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou hoxe a 5ª edición da iniciativa Artesanía de Galicia no Courel, que ata este domingo inclúe actividades de formación e de divulgación en oficios artesanais en varias localizacións do Concello
Hai nove obradoiros gratuítos e abertos ao público infantil e adulto especializados na cerámica, na estampaxe, no tecido tradicional e no tinguido téxtil
A iniciativa tamén inclúe seis cursos de formación, para os que era preciso inscrición previa, que lle permitirán aos asistentes iniciarse na cestería, na ebanistería, na calceta, na ourivería e no torno cerámico
Folgoso do Courel (Lugo), 7 de agosto de 2025
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou hoxe xunto coa alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, a 5ª edición da iniciativa Artesanía de Galicia no Courel, impulsada pola Xunta desde este mércores ata o domingo neste municipio. Trátase dunha cita enfocada exclusivamente a amosar e a divulgar os oficios artesanais da marca Artesanía de Galicia, a través de cursos de iniciación con inscrición previa e de obradoiros abertos para os visitantes.
A programación desenvólvese en diferentes localizacións de Folgoso do Courel e conta coa colaboración deste concello lugués e da Fundación Uxío Novoneyra e os visitantes a esta iniciativa poderán participar nos nove obradoiros programados que se desenvolven no Centro Sociocultural Fondo de Vila e na Fundación Uxío Novoneyra.
Trátase de obradoiros gratuítos e abertos ao público infantil e adulto, para os que non é necesaria inscrición previa e que se realizarán en horario de 10,30 a 13,30 horas e de 16,00 a 18,00 horas. No Centro Sociocultural Fondo de Vila, Nerea Carpente, de Peixe Nero, imparte obradoiros de Técnicas de Cerámica en Mesa, que se desenvolven todos os días, e Sandra Betanzos, do taller Amor ó teu, encárgase dos obradoiros de estampaxe, cuxa temática cambia cada día. Así hoxe xoves e o domingo impartirase o obradoiro Creación do teu propio selo e estampaxe da túa libreta kraft, mañá venres haberá un obradoiro de creación de nomes con tipografía de imprenta, estampaxe en papel e téxtil, e o sábado terá lugar o de estampaxe continua con motivos da natureza.
O resto dos obradoiros abertos teñen lugar na Fundación Uxío Novoneyra. Lourdes Otero, de Fusaiola, encargarase de introducir aos participantes na técnica de tecido tradicional do felpado ou gorullo, nun tear de sobremesa; e os artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop, impartirán dous talleres vinculados ao tinguido téxtil, que se desenvolverán nun horario diferente, de 11,00 a 13,30 e de 16,00 a 18,00 h. Ata o 8 de agosto ten lugar o de tinguido con anil ou índigo (técnica Shibori) e o sábado 9 e o domingo 10 será a quenda do tinguido por reserva (Tie-Dye).
Cursos con inscrición previa
No programa de actividades desta quinta edición de Artesanía de Galicia no Courel inclúense tamén seis cursos de iniciación aos oficios da cerámica, da ourivería, da ebanistería, da cestería ou do téxtil, que durarán os cinco días do evento e para os que se requiría inscrición previa. No Centro Sociocultural Fondo de Vila terá lugar o de Iniciación ao torno cerámico, impartido por Carlos San Claudio, todos os días en horario de 10,30 a 13,30 e de 16,00 a 18,00 horas. Na antiga Escola Unitaria de Parada desenvolveranse o curso de Iniciación á ourivería, dirixido por Susi Gesto, e o de Técnicas de Ebanistería, a cargo de Rodrigo Mosquera, de Tresoficios. Ambos os dous en horario de 11,00 a 13,30 e de 16,00 a 18,00 horas.
No aloxamento rural A Carbiña teñen lugar o resto dos cursos, tamén en horario de 11,00 a 13,30 e de 16,00 a 18,00, ata o 10 de agosto. Trátase do curso Da calceta ao crochet. Unha viaxe creativa polo tecido tunesino, impartido por Lola García, de Logaro; do curso Cesta da Merenda, dirixido por Julia de la Cal, de La Parabólica, e do curso Elaboración dun capazo con fibras, de Belén Martínez, de Casa Atlântica.
A través desta iniciativa, a Xunta busca divulgar os nosos oficios artesanais nos espazos rurais e a marca Artesanía de Galicia, así como achegar o público ás técnicas artesanais e aos valores que implica o feito á man.