Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 14.00 h. de hoxe

Segue activo o lume forestal da Fonsagrada-Monteseiro (120)

Están estabilizados os incendios das Neves-San Pedro de Batalláns (50 ha), Salceda de Caselas-A Picoña (80 ha),  As Pontes de García Rodríguez-O Freixo (20 ha) e  A Fonsagrada-Cereixido (20ha)

Están xa controlados os incendios de Camariñas-Xaviña (50 ha), Ponteceso-Corme Aldea (60 ha), Ponteceso-Brantuas (200 ha) e Vilardevós-Terroso (570 ha)

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2025

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 14.00 horas de hoxe xoves.

Desactivada Situación 2. Estabilizado Salceda de Caselas-A Picoña

Ás 12.01 horas de hoxe quedou estabilizado o incendio do concello pontevedrés de Salceda de Caselas, parroquia da Picoña, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 80 hectáreas. O lume iniciouse ás 16.17 horas de onte e foi necesario decretar a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo de poboación de Pedrapinta, situación operativa de emerxencia que xa foi desactivada.

Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 3 técnicos, 12 axentes, 18 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 4 helicópteros e 2 avións. Ademais, tamén participaron nos labores de extinción de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Estabilizado As Neves-San Pedro de Batalláns

Tamén está estabilizado, desde as 11.17 horas de hoxe, o incendio forestal do concello pontevedrés das Neves, parroquia de San Pedro de Batalláns, no que foi necesario decretar a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ás vivendas, máis concretamente ao núcleo da Abelleira, unha situación operativa de emerxencia que xa foi desactivada. 

O lume iniciouse ás 14.41 horas de onte e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de máis de 50 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 6 técnicos, 11 axentes, 19 brigadas, 17 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 6 helicópteros e 2 avións.

Estabilizado As Pontes de García Rodríguez-O Freixo

Ás 13.34 horas de hoxe deuse por estabilizado o incendio forestal do concello coruñés das Pontes de García Rodríguez, parroquia do Freixo, que segundo as últimas estimacións rolda as 20 hectáreas. O lume iniciouse ás 22.03 horas de onte e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 7 axentes, 11 brigadas, 8 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.

Activo A Fonsagrada-Monteseiro

Mantense activo o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas do martes e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 6 técnicos, 29 axentes, 36 brigadas, 41 motobombas, 3 pas, 7 helicópteros e 8 avións.

Estabilizado A Fonsagrada-Cereixido

Ás 9.41 horas quedou estabilizado o incendio rexistrado neste mesmo municipio da Fonsagrada, parroquia de Cereixido, que segundo as últimas estimacións provisionais de máis de 20 hectáreas. Este lume iniciouse onte ás 13.07 e, para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 2 técnicos, 7 axentes, 11 brigadas, 12 motobombas, 3 palas, 5 helicópteros e 5 avións.

Controlado Camariñas-Xaviña

Segue controlado desde as 07.16 horas o incendio forestal do concello coruñés de Camariñas, parroquia de Xaviña. O lume iniciouse ás 16.57 horas do martes e foi necesario decretar a Situación 2, unha situación operativa de emerxencia que se desactivou ás 19.58 horas de onte. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 50 hectáreas e para a súa extinción mobilizáronse ata o momento 3 técnicos, 19 axentes, 21 brigadas, 16 motobombas, 3 pas e 4 helicópteros. Tamén participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Controlado Ponteceso-Corme Aldea

Está tamén controlado dende as 23.52 de onte o incendio forestal no concello coruñés de Ponteceso, parroquia de Corme Aldea, no que xa se desactivou a Situación 2 ás 19.58 horas de onte. O lume iniciouse ás 14.12 horas deste martes e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 60 hectáreas.

Ata o momento, para a súa extinción mobilizáronse 7 técnicos, 21 axentes, 22 brigadas, 19 motobombas, 4 pas e 3 unidades técnicas de apoio. Ao longo do día de onte puideron incorporarse aos labores de extinción medios aéreos, grazas a unha mellora das condicións meteorolóxicas. Ademais, participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Controlado Ponteceso-Brantuas

Ás 19.13 horas de onte quedou controlado outro incendio neste mesmo concello, parroquia de Brantuas, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 200 hectáreas. O lume comezou ás 20.30 horas do pasado sábado e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 5 técnicos, 22 axentes, 25 brigadas, 18 motobombas, 2 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 11 avións.

Controlado Vilardevós-Terroso

Mantense controlado desde as 21.47 horas do luns o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Terroso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 570 hectáreas. Neste incendio foi preciso decretar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación, unha situación operativa de emerxencia que foi desactivada ás 22.15 horas do domingo.

O incendio iniciouse ás 23.04 horas do pasado venres e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 12 técnicos, 65 axentes, 92 brigadas, 60 motobombas, 6 pas, 12 helicópteros e 12 avións. Ademais, tamén participaron nos labores de extinción de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 07/08/2025