A Xunta colabora na campaña de promoción do comercio local de Ribadeo que se desenvolverá entre o 14 e o 31 de agosto

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que a Dirección Xeral de Comercio e Consumo achega preto de 100.000 euros á entidade para a súa actividade e Agacal patrocina unhas xornadas gastronómicas na Praza de Abastos

Ribadeo (Lugo), 7 de agosto de 2025

A Xunta de Galicia colabora coa campaña de promoción do comercio local que desenvolverá a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) de Ribadeo entre os días 14 e 31 de agosto. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación da programación e gabou o traballo extraordinario da entidade, que recentemente recibiu  unha achega extraordinaria da Dirección Xeral de Comercio e Consumo no marco dos apoios aos Centros Comerciais Abertos.

Arias lembrou que entre a axuda ordinaria e este recoñecemento extraordinario ao abeiro da convocatoria de apoios deste ano, a Xunta achega a Acisa un orzamento de case 100.000 euros para actividades de promoción. Entre elas, figura esta campaña que leva por lema O noso comercio é vida, vive Ribadeo.

O Goberno galego tamén participa nesta iniciativa a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), que patrocina os días 29 e 30 a “Gastropraza” na Praza de Abastos de Ribadeo, xornadas de degustación de produtos alimentarios galegos.

O programa propón concertos, sorteos ou actividades infantís, entre outras. Así, os xoves os establecementos asociados ofrecerán horarios e prezos especiais, ao tempo que as rúas do centro acollen as actuacións de D´Crooners (o día 14), Betty Bunny (o 21) e Carolina Rubirosa e os DJ Wachu e Baby Romeo (o 28).  

A Ruleta da sorte, que visitará varios emprazamentos da vila, charangas, inchables ou un rocódromo completan a oferta para a quincena, que se pechará cunha “Gran festa de verán” o día 31.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2025