A Xunta adxudica a execución dunha senda peonil na estrada OU-212 en Beariz co fin de mellorar a seguridade viaria no núcleo de Lebozán
Este novo itinerario dará continuidade ás beirarrúas existentes e facilitarán a mobilidade peonil entre as vivendas de Busto e o núcleo de Lebozán
Os traballos, adxudicados por preto de 50.000 €, comezarán este mesmo mes
Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2025
A Xunta adxudica a construción dunha senda peonil na estrada OU-212 no núcleo de Lebozán, situado no concello de Beariz, co fin de reforzar a seguridade viaria nesta contorna.
O contrato foi adxudicado por un importe de preto de 50.000 euros á empresa Construcciones Etelvino y Julio SL.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé comezar estes traballos nas vindeiras semanas.
Dita senda peonil dará continuidade ás beirarrúas existentes e facilitarán a mobilidade peonil entre as vivendas de Busto e o núcleo de Lebozán.
O obxectivo é reforzar a seguridade da estrada OU-212 coa execución desta senda peonil situada na marxe dereita do punto quilométrico 2+060 e 2+250, de 2 metros de ancho e bordo.
A obra da senda e o espazo dispoñible de Dominio Público Viario complétase coa execución dunha banda de beiravía de 50 cm a partir da liña branca actual.
Ademais a intervención incluirá as canalizacións de previsión de servizos de telecomunicacións, electricidade e iluminación. Na obra contémplase a disposición de sumidoiros que recollan a auga de escorrentía que discorra xunto ao bordo.
As obras executaranse en dominio público viario, polo que non necesitan expropiacións.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas continúa traballando na mellora da mobilidade en Beariz, facilitando uns desprazamentos seguros e eficientes.