A Xunta avanza no estudo para a mellora da AC-552 en Vimianzo, co fin de reforzar a seguridade viaria ao seu paso polo núcleo de Berdoias
Trátase de definir actuacións de mellora deste treito de concentración de accidentes, para o que se deseña unha glorieta no quilómetro 74+800 da AC-552, que coincide coa intersección desta vía coas estradas AC-441 e AC-440
O obxectivo da Xunta é poder contar a finais deste ano co proxecto construtivo para a súa supervisión
O investimento inicial da actuación estímase en 720.000 euros
Este traballo desenvólvese no marco da estratexia de actuación en treitos de concentración de accidentes e treitos de alto potencial de mellora en vías autonómicas, na que a Xunta investirá máis de 23,5 M€ no período 2024-2027
Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas avanza no estudo para a redacción do proxecto de mellora na AC-552, no concello de Vimianzo, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria nesta estrada autonómica ao seu paso polo núcleo de Berdoias.
En concreto, coa actuación preténdese mellorar a seguridade viaria deste treito de concentración de accidentes, para o que se procederá a deseñar unha glorieta no punto quilométrico 74+800 da AC-552, en Berdoias, que coincide coa intersección desta vía coas estradas AC-441 (que comunica con Baíñas e A Pereira) e AC-440 (que comunica con Muxía). A glorieta que se executará permitirá realizar todos os movementos da intersección con maior seguridade.
De modo complementario, disporanse outras medidas de seguridade viaria entre os puntos quilométricos 74+300 e 75+300, especialmente medidas de mellora da sinalización nas incorporacións que existen no treito.
O obxectivo do departamento que dirixe María M. Allegue é poder contar a finais deste ano co proxecto construtivo para a súa supervisión.
O investimento inicial da actuación estímase en 720.000 €, e será cofinanciado con fondos FEDER 21/27.
A AC-552 é unha das estradas incluídas no contrato para a redacción do proxecto de mellora da seguridade viaria da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) nas estradas autonómicas de Coruña e Lugo. Este contrato estase a desenvolver no marco da estratexia de actuación en treitos de concentración de accidentes e treitos de alto potencial de mellora na rede viaria de titularidade autonómica, no que a Xunta investirá máis de 23,5 M€ no período 2024-2027.