O conselleiro de Sanidade, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo e da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, realizou unha visita ao actual centro de saúde, onde deu conta dos trámites administrativos para avanzar na execución da nova infraestrutura
A Xunta licita a redacción do proxecto do novo centro de saúde de Becerreá, no que investirá máis de 3,2 M€
O novo centro de saúde superará os 2.000 m2 de superficie e contará con 3 consultas de medicina, 3 consultas de enfermería, 1 sala polivalente e diferentes salas técnicas e de toma de mostras
Reforzarase a capacidade de resposta do punto de atención continuada dotándoo dunha nova sala de observación, un box de críticos, 1 consulta de enfermería e 2 de medicina, unha máis que na actualidade
O Goberno galego destina unha partida de 270.000 euros á redacción do proxecto da nova infraestrutura
As empresas interesadas teñen ata o vindeiro 25 de setembro para presentar as súas ofertas
A previsión é poder dispoñer do proxecto no primeiro semestre e licitar as obras ao longo do vindeiro ano
Becerreá (Lugo), 8 de agosto de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou esta mañá o centro de saúde de Becerreá, onde anunciou a licitación da redacción do proxecto da nova infraestrutura sanitaria que a Xunta construirá neste municipio e na que investirá máis de 3,2 millóns de euros.
Xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, o máximo responsable da Sanidade galega apuntou que a redacción do proxecto contará cun orzamento de licitación de preto de 270.000 euros. As empresas interesadas teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o vindeiro 25 de setembro.
Tal e como referiu o conselleiro, a previsión é que o proxecto estea redactado no primeiro semestre de 2026 para poder licitar as obras ao longo do vindeiro ano.
O novo centro de saúde contará cunha superficie construída que superará os 2.000 m2. Segundo o seu Plan Funcional, o novo inmoble contará con 3 consultas de medicina, 3 consultas de enfermería, 1 sala polivalente e diferentes salas técnicas e de toma de mostras.
Así mesmo, disporá dunha área de pediatría, con consulta de medicina, de enfermería e sala de dilatación, e unha área de atención á muller cunha consulta de matrona e sala de educación para a saúde.
Como novidade, incorporarase unha consulta de traballo social, unha de hixienista, unha sala de técnicas, unha polivalente e outra destinada á docencia.
O Executivo galego mellorará a atención sanitaria da poboación de Becerreá modernizando tamén a súa área de radioloxía, así como os espazos destinados as tarefas administrativas e de xestión.
O conselleiro de Sanidade remarcou que o punto de atención continuada reforzará a súa capacidade de resposta cunha nova sala de observación, un box de críticos, 1 consulta de enfermería e 2 de medicina, unha máis que na actualidade.
Gómez Caamaño lembrou que o novo centro de saúde de Becerreá forma parte do compromiso da Xunta por achegar unha sanidade pública moderna e próxima, e que esta nova infraestrutura dará resposta ás necesidades sanitarias da poboación dos Ancares.