Os Trens Turísticos de Galicia discorren este agosto por sete rutas e xa alcanzan unha ocupación do 80 %
Catro das sete viaxes están totalmente ocupadas pero aínda quedan prazas nas de Monterrei, Valdeorras e As Mariñas
Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2025
Este mes de agosto, os Trens Turísticos da Xunta percorrerán, en distintas datas, as rutas dos Faros, Monterrei, Rías Baixas, Valdeorras, Ribeira Sacra Sil, Ribeira Sacra Miño e As Mariñas. A boa acollida un ano máis deste produto turístico fai que moitos teñan que colgar xa o cartel de cheo. Catro das sete rutas con viaxes este mes xa non teñen dispoñibilidade, pero aínda quedan prazas nas outras tres; estas son as de Monterrei, Valdeorras e As Mariñas.
Así, para aquelas persoas que queiran gozar en agosto desta proposta turística, hai de momento billetes á venda para a Ruta de Monterrei, con saída o día 16; a das Mariñas, para o 23; e para o tren do día 30 que fai a Ruta de Valdeorras.
Os catro traxectos que xa esgotaron as súas prazas pertencen ás rutas dos Faros, das Rías Baixas, á da Ribeira Sacra polo río Sil e, tamén, ao traxecto polo Miño. En setembro aínda queda espazo nos trens dos Pazos e da Ribeira Sacra polo Miño, con saída o día 20; e para o de Valdeorras, que sae o 27. Pola contra, xa non quedan prazas para a ruta dos faros do 6 de setembro. Finalmente, hai dispoñibilidade para o último dos traxectos, que percorrerá a Ruta dos Queixos o día 4 de outubro.
No que vai de campaña, dúas das rutas venderon o 100 % de billetes: a das Rías Baixas e a da Ribeira Sacra polo Sil. Todo apunta a que a do Miño tamén pechará cun 100 % de ocupación, posto que a falta da viaxe do 20 de setembro, ten o 97,3 % xa vendido. A Ruta dos Faros tivo un 98,4 % de adhesión e a do Ribeiro o 96,2 %. En total, das 2.530 prazas ofertadas, ocupáronse xa 2.075, que se traducen no 80 % do total.
Esta iniciativa está desenvolta por Turismo de Galicia, en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico –INORDE-, dependente da Deputación de Ourense. Ofrece un paquete turístico único, que combina viaxe en tren coa visita a algúns dos emprazamentos senlleiros do patrimonio arquitectónico, cultural e natural de Galicia.