O director de Turismo de Galicia e a delegada da Xunta na Coruña inauguraron as actuacións enmarcadas nun proxecto integral dotado de máis de 900.000 euros

A Torre de Hércules estrea iluminación eficiente e sendas máis accesibles co apoio da Xunta de Galicia

Os novos equipos LED de última xeración realzan a arquitectura do monumento e ofrecen opcións decorativas e dinámicas para acompañar efemérides e celebracións

Turismo de Galicia mellorou tamén os sendeiros que circunvalan a Torre ampliando puntualmente a súa anchura coa máxima sensibilidade cara as zonas protexidas

O proxecto culminará á finais de ano co resto de actuacións previstas orientadas ao coñecemento arqueolóxico do xacemento e conservación de elementos estruturais

“Avanzamos nos obxectivos da Estratexia de Turismo de Galicia 2030 traballando nun destino máis accesible e eficiente que protexe o seu patrimonio”, indicou Merelles

A Coruña, 10 de agosto de 2026

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, inauguraron a nova iluminación eficiente da Torre de Hércules e a mellora dos sendeiros que circundan o monumento coruñés, dúas actuacións impulsadas por Turismo de Galicia neste monumento no marco do Plan Xacobeo Next Generation co que a Xunta de Galicia actuou na mellora dunha decena de Bens de Interese Cultural de distintos puntos de Galicia.

Como expresou o director de Turismo, o da Torre de Hércules é proxecto co que a Xunta de Galicia “mellorou e actualizou a Torre de Hércules aos novos tempos a través de traballos que a fan máis accesible e eficiente”. En concreto, no que se refire á iluminación, esta supón unha completa renovación do sistema ornamental da Torre de Hércules, cuxos equipos LED de última xeración se distribúen polas súas fachadas. Esta mellora, ademais de realzar a arquitectura do monumento durante a noite, “permitirá ofrecer opcións decorativas e dinámicas para acompañar as celebracións e actividades socioculturais” que se desenvolven ao longo do ano, como explicou o director de Turismo.

Xosé Merelles enmarcou a actuación nos obxectivos da Estratexia de Turismo de Galicia 2030, xa que, segundo indicou, “esta obra permite a redución do consumo enerxético e das emisións”, nun paso máis cara a unha maior sostibilidade turística do destino. A segunda das actuacións inauguradas é a mellora dos sendeiros que circunvalan a Torre de Hércules, que son “máis seguros, máis duradeiros e, sobre todo, máis accesibles”, nas palabras do director de Turismo de Galicia. A actuación permitiu habilitar un percorrido continuo, que pode ser máis accesible desde a glorieta ata a costa, cara ao mar, ampliando puntualmente a súa anchura sempre coa máxima sensibilidade cara á zona protexida.

Proxecto integral

Con esta obra, avánzase, segundo destacou, “nun destino turístico para os veciños e para os visitantes, máis eficiente e máis accesible para todos”, ao entender a accesibilidade como unha parte esencial da xestión do patrimonio e do turismo por parte da Xunta de Galicia. O director de Turismo de Galicia subliñou que as actuacións inauguradas “non son un punto final, senón un paso máis”. Como avanzou, tal e como se acordou co Concello da A Coruña e para non intervir nas visitas á Torre de Hércules durante o verán, a partir do mes de setembro completarase este proxecto previsto Torre de Hércules -que conta cun orzamento global de máis de 900.000€, co resto de actuacións previstas orientadas, neste caso. ao coñecemento arqueolóxico do xacemento e á conservación dos seus elementos estruturais, dentro dese proxecto integral de mellora do monumento.

Para a Xunta de Galicia, a Torre de Hércules é, xunto con outros grandes activos da cidade, “unha das pezas clave da estratexia turística da Coruña e de toda Galicia”, segundo remarcou o director de Turismo, que agradeceu o traballo das empresas adxudicatarias, dos equipos técnicos que redactaron e supervisaron os proxectos e a colaboración do Concello da Coruña.

Un verán excepcional

O director de Turismo de Galicia aproveitou o acto para repasar os datos do sector, nun contexto que definiu como “un verán excepcional”, con máis viaxeiros procedentes de cada vez máis partes do mundo e con peregrinos que están a permanecer máis tempo en Galicia. Na Coruña, a estancia media medrou preto dun 2% no primeiro semestre do ano, período no que preto de 300.000 persoas se aloxaron na cidade.

No conxunto de Galicia, a evolución é similar, con máis noites de estancia e maior rendibilidade para o sector. Os ingresos hoteleiros do primeiro semestre superaron os 174 millóns de euros, un 5% máis que no mesmo período do ano anterior. Pola súa banda, o Camiño de Santiago, xa na antesala do Xacobeo 2027, rexistra un crecemento do 5% no número de peregrinos que chegan a Compostela, cunha media diaria próxima aos 2.000 peregrinos e picos que superaron os 4.000 nos últimos días. O director de Turismo de Galicia concluíu que actuacións como as inauguradas na Torre de Hércules van “no camiño de seguir avanzando neste escenario: en mellorar o noso patrimonio e tamén a experiencia de quen nos visita sen renunciar nunca á protección ambiental e patrimonial que espazos coma este esixen”.

Tras o acto institucional, os asistentes percorreron o novo sendeiro guiados polos responsables da empresa adxudicataria das obras, e a xornada rematou co acto oficial do acendido oficial da nova iluminación da Torre de Hércules por parte das autoridades, onde se puido probar a transición cromática progresiva, desde a iluminación habitual ata a iluminación de diferentes efemérides e celebracións ou a cor branca e azul da bandeira de Galicia ou o Deportivo, entre outras.

Data de actualización: 10/08/2026