O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o presidente da Real Academia de Farmacia de Galicia, Ángel Concheiro, asinaron o novo convenio

A Xunta mantén o seu compromiso coa Real Academia de Farmacia de Galicia para impulsar a investigación no ámbito farmacéutico

O acordo ten como finalidade contribuír ao progreso e á difusión do coñecemento das ciencias farmacéuticas entre os profesionais sanitarios e fomentar a educación socio-sanitaria da poboación

A Xunta apoia con 30.000 euros accións científicas, como sesións divulgativas ou exposicións

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2025

A Consellería de Sanidade renovou a súa colaboración coa Real Academia de Farmacia de Galicia a través dun convenio para a realización de actuacións no ámbito do estudo e da investigación das ciencias da saúde.

O acordo foi asinado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o presidente da Real Academia de Farmacia de Galicia, Ángel Concheiro, estará en vigor ata o 31 de decembro de 2025.

O obxectivo é incentivar o progreso e a difusión do coñecemento das ciencias farmacéuticas entre os profesionais sanitarios, así como divulgar educación socio-sanitaria entre a poboación en xeral.

A Xunta proporcionará un apoio económico de 30.000 euros para levar a cabo actividades que consistirán en sesións de carácter científico, publicacións que contribúan ao incremento e á catalogación do patrimonio arquivístico-bibliográfico no eido sanitario ou exposicións.

Data de actualización: 11/08/2025