A Xunta e a Mancomunidade Barbanza Arousa estudan colaborar na comercialización do destino nos principais mercados emisores
Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2025
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, reuniuse esta mañá co presidente da Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa e alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, que acudiu acompañado pola xerente da entidade, Fátima Cachafeiro, para facer balance de como se está a desenvolver o verán neste destino. As dúas partes coincidiron nos bos datos turísticos da zona e na necesidade de colaborar conxuntamente na promoción do destino para avanzar en desestacionalización e garantir o fluxo de visitantes durante todo o ano.
Neste sentido, Xosé Merelles destacou a importancia das accións de promoción e amosou a disposición do seu departamento a apoiar accións que redunden na difusión das experiencias auténticas e diferenciais desta contorna, entre elas, a tradición conserveira desta zona e a ruta do Mar de Arousa e Río Ulla. Ademais, durante a reunión fixeron un repaso polo plan de sostibilidade da entidade e puxeron en valor a aposta pola enogastronomía local como atractivo turístico, ademais do traballo desenvolto no marco do convenio da Xunta co xeodestino Barbanza Arousa.