O delegado da Xunta en Pontevedra destaca o impacto das axudas para actuacións de embelecemento en establecementos turísticos do litoral

Pablo Fernández visitou o Hotel Spa Galatea, en Sanxenxo, que recibiu unha achega total de preto de 24.000 euros

A subvención conta con tres liñas de actuación que contemplan axudas para iluminación e automatismos, dixitalización e fachadas e cubertas

Sanxenxo (Pontevedra), 23 de xullo de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá o Hotel Spa Galatea, no concello de Sanxenxo, onde a Xunta financiou varias actuacións grazas ás axudas para actuacións de embelecemento nos establecementos turísticos do litoral.

A actuación, que contou cunha achega autonómica de total de preto de 24.000 euros e permitiu realizar melloras tanto a nivel de eficiencia enerxética como de estética exterior e dixitalización. Así o hotel mellorou o seu sistema de iluminación, adquirindo novas luminarias eficientes. Ademais, financiou a adquisición dun novo sistema de carta audiovisual e a compra dun sistema informático que facilitará o control e rexistro dos seus clientes. Por último, realizáronse labores de pintado na fachada e en varias portas e portais exteriores. 

O delegado territorial explicou que a axuda está orientada a establecementos situados en concellos costeiros —como hoteis, pensións, restaurantes, cafeterías ou bares—, que conta cun orzamento total de 5 millóns de euros e permite financiar ata o 80 % do investimento.

Neste sentido, lembrou que o programa estrutúrase en tres grandes liñas de actuación. A primeira delas céntrase na eficiencia enerxética, con achegas de ata 25.000 euros para iluminación e automatismos; a segunda inclúe a dixitalización de recursos no litoral con ata 15.000 euros; e a terceira vai destinada á mellora da fachada turística, con investimentos de ata 250.000 euros para o pintado de fachadas ou a renovación de cubertas e carpinterías que axuden a reducir o impacto visual da contorna.

Data de actualización: 23/07/2026