A Xunta promove a diversidade dos Entroidos Tradicionais como atractivo turístico de Galicia cun gran desfile en Santiago de máis de 500 participantes

Turismo de Galicia impulsa este desfile para achegar aos visitantes a diversidade dos 20 Entroidos tradicionais participantes e reforzar a desestacionalización turística

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2026

 Arredor de 500 persoas participaron este sábado no desfile dos Entroidos Tradicionais de Galicia celebrado en Santiago de Compostela, unha iniciativa promovida por Turismo de Galicia que reuniu 20 manifestacións procedentes de diferentes puntos da comunidade e que permitiu ao público coñecer de preto a riqueza, autenticidade e diversidade desta celebración.

A programación comezou pola mañá na Praza do Obradoiro, onde desde as 10:30 horas o público puido gozar da actuación de DJ Mil e da Banda do Beat para crear ambiente antes do inicio do desfile. Ás 12:30 horas, o desfile deu comezo e percorreu as principais rúas do casco histórico compostelán, convertendo durante a xornada o centro de Santiago nun escaparate das diferentes formas de vivir e expresar o Entroido en Galicia.

Esta iniciativa contou coa presenza de 20 Entroidos tradicionais galegos, cinco deles declarados Festa de Interese Turístico. Ao longo do percorrido, arredor de 500 participantes achegaron aos visitantes a singularidade dos diferentes Entroidos, mostrando os seus traxes, personaxes, músicas e elementos característicos.

Unha proposta para desestacionalizar a oferta turística

A celebración deste desfile fóra das datas habituais do Entroido contribúe tamén á estratexia de desestacionalización da actividade turística de Galicia, incorporando ao calendario unha proposta vinculada a unha das manifestacións culturais máis singulares da comunidade e ampliando as posibilidades de visita durante outros momentos do ano.

Neste sentido, Santiago de Compostela converteuse nun punto de encontro para estas 20 expresións do Entroido galego, facilitando que cidadanía e visitantes puidesen coñecer nun mesmo percorrido celebracións procedentes de distintos puntos de Galicia. A presenza destas manifestacións na capital galega permitiu tamén dar visibilidade aos territorios de orixe e espertar o interese por coñecer as súas celebracións e tradicións directamente nos concellos onde se manteñen vivas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/09/2026