Belén do Campo anima aos establementos turísticos a solicitar as axudas da Xunta de 9 M€ para a mellora da eficiencia enerxética dos seus establecementos

A delegada da Xunta informou que os establecementos interesados poderán solicitar as axudas desta convocatoria desde o próximo luns 7 de setembro, ata o 7 de decembro deste ano agás que se esgote antes o crédito

Culleredo  (A Coruña), 4 de setembro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, desprazouse esta mañá ata o hostal La Poetisa, en Culleredo, un dos establecementos beneficiarios das axudas destinadas a impulsar a mellora da eficiencia enerxética no sector turístico. Durante a visita, anunciou a apertura dunha nova convocatoria destas subvencións, que contará cun orzamento global de 9 millóns de euros para os exercicios 2026 e 2027.

Esta nova liña dá continuidade ao programa posto en marcha en 2024-2025, ano no que se mobilizaron máis de 11 millóns de euros para financiar actuacións de mellora da eficiencia enerxética en establecementos turísticos. Nesta convocatoria na provincia da Coruña recibiron estas achegas 45 establecementos por un importe de case 3,3  millóns de euros e concretamente na área metropolitana da Coruña contaron con estes apoios seis negocios por un importe de case 370.000 euros.

Desde 2022, a Xunta de Galicia leva destinado máis de 14 millóns de euros a este tipo de actuacións, permitindo chegar a máis de 200 negocios turísticos, aos que se incorporarán agora os novos beneficiarios desta convocatoria.

No transcurso da visita ao hostal Poetisa, a delegada destacou que este establecemento recibiu unha subvención de máis de 42.000 euros, o ano pasado. Os traballos realizados permitiron a retirada da caldeira existente e a instalación dun novo sistema de climatización mediante bombas de calor de alta eficiencia, baseado nun sistema VRV (Volume de Refrixerante Variable), adaptado ás características funcionais e ocupacionais do hotel.

A nova instalación permitirá atender as necesidades de climatización das distintas zonas do establecemento.

En concreto, a unidade exterior dispón dunha potencia frigorífica e calorífica de 33.500 W de maneira que o sistema permite cubrir tanto as necesidades de refrixeración como de calefacción do hotel. A actuación permite acadar un aforro de máis do 30 % en enerxía primaria non renovable.

Durante a visita, Belén do Campo puxo en valor o esforzo do sector hostaleiro por avanzar na modernización e eficiencia das súas instalacións, incorporando solucións tecnolóxicas que permiten optimizar o consumo enerxético e mellorar o confort dos usuarios.

Belén do Campo puxo en valor o alcance destas medidas, que, segundo sinalou, evidencian que “a Xunta reforza o seu compromiso cun modelo turístico máis competitivo, innovador e respectuoso co medio ambiente, promovendo a redución do consumo enerxético no sector e impulsando o uso de enerxías renovables”. Neste sentido, subliñou que “Turismo de Galicia aposta por un sector turístico máis eficiente e sostible, co obxectivo de reducir a pegada de carbono no sector turístico”.

Nova convocatoria

A nova orde de axudas dispón dun orzamento de 9 millóns de euros para apoiar a execución de actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas. Deste importe, 900.000 euros corresponden á anualidade de 2026 e 8,1 millóns de euros á de 2027.

Poderán acceder a estas subvencións as persoas físicas e xurídicas que teñan a consideración de pemes e sexan titulares de establecementos turísticos de aloxamento e restauración, agás as excepcións recollidas nas bases da convocatoria.

Os proxectos que se presenten deberán ter un carácter integral e incluír, como mínimo, dúas actuacións de eficiencia enerxética, xunto cunha ou máis actuacións ou investimentos relacionados co aproveitamento das enerxías renovables nos establecementos de aloxamento e restauración.

Entre as intervencións que poderán recibir financiamento atópanse a mellora da envolvente dos edificios, a substitución ou renovación dos sistemas de iluminación por outros máis eficientes, así como a instalación de solucións baseadas en enerxía solar térmica, xeotermia, biomasa, aerotermia ou hidrotermia, ademais de sistemas fotovoltaicos destinados ao autoconsumo.

As solicitudes que se presenten dentro do prazo e cumpran os requisitos establecidos nas bases serán tramitadas e resoltas por orde de entrada no rexistro, ata o esgotamento dos fondos dispoñibles.

O período para presentar as solicitudes é de tres meses, iniciarase ás 9.00 horas do luns 7 de setembro, permanecendo aberto ata as 20.00 horas do 7 de decembro de 2026, salvo que o crédito dispoñible se esgote con anterioridade. A intensidade da axuda dependerá do alcance do aforro acadado podendo chegar a un 50% e ata un 90%.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2026