O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, visitou esta mañá en Meis unha infraestrutura de carga de vehículos eléctricos

A Xunta destaca a boa acollida da nova convocatoria do Moves III con máis de 3.500 solicitudes para a compra de automóbiles e instalacións de puntos de recarga

Lembrou que as axudas poden alcanzar os 9.000 euros por vehículo en función das características e do tipo de solicitante e ata o 80 % do custe subvencionable para a instalación de infraestruturas de recarga e que o prazo permanecerá aberto ata o 31 de decembro

Os apoios están dirixidos a particulares, comunidades de propietarios, autónomos, empresas e entidades locais e prevén mobilizar preto de 100 millóns de euros e reducir as emisións de CO2 cun impacto equivalente a plantar 180.000 árbores

Meis (Pontevedra), 11 de agosto de 2025

O director xeral de Planificación enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, subliñou esta mañá a boa acollida que está a ter a nova edición do programa Moves III_2025, cuxo prazo de presentación de solicitudes se abría o pasado 30 de xuño e do que xa se recibiron máis de 3.500 peticións tanto para a compra de vehículos eléctricos como para a instalación de infraestruturas de recarga.

Fernández Vila explicou durante a súa visita aos oito puntos de carga dos que consta a instalación do Parque de maquinaria da Deputación de Pontevedra, no concello pontevedrés de Meis, que en algo máis dun mes se recibiron máis de 3.000 solicitudes para a adquisición dun vehículo eléctrico e preto de 500 para a compra dunha infraestrutura de recarga. E, ao fío, lembrou que a actual convocatoria  conta cun orzamento de 19,6 millóns de euros e que aínda quedan fondos dispoñibles.

O programa Moves III está dirixido tanto a particulares, como ás comunidades de propietarios, autónomos, empresas e entidades locais, e conta con dúas  liñas. A primeira delas ten como obxectivo fomentar a adquisición de vehículos eléctricos puros, híbridos enchufables, eléctricos de autonomía estendida ou de pila de combustible. As axudas oscilarán entre os 700 e os 9.000 euros por automóbil en función do tipo de solicitante, características do vehículo ou uso, entre outras cuestións.

A segunda liña do Moves III_2025 diríxese á implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, con axudas de entre o 20 % e o 80 % do custo subvencionable en función do tipo de solicitante, potencia dos puntos de recarga, ou localización en concellos de menos de 5.000 habitantes.

Desde que se abriu a convocatoria do Moves III en 2021, concedéronse máis de 11.500 axudas por importe superior aos 49 millóns de euros. Nesta edición están adheridas 916 entidades colaboradoras, das que 295 correspóndense con puntos de venda e 621 instaladores de baixa tensión.

O programa busca incentivar a demanda ao tempo que se fomenta unha mobilidade eléctrica e sustentable, contribuíndo á descarbonización do transporte ao tempo que se reducen os custos enerxéticos para os propietarios dos vehículos e se fomenta unha rede pública e privada de puntos de recarga.

Con estes apoios, a Xunta de Galicia agarda mobilizar preto de 100 millóns de euros, favorecer un aforro económico anual de 2,8 millóns nos custos de combustible, así como unha redución de CO2 equivalente a plantar 186.000 árbores. O prazo para solicitalos remata o 31 de decembro ou ata o esgotamento do crédito.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/08/2025