Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20.00 h. de hoxe
Están activos os incendios de Chandrexa de Queixa-Requeixo (3.000 ha), Vilariño de Conso-Mormentelos (180 ha), Montederramo-Paredes (70 ha), Verín-Mourazos (15 ha) e Vilardevós-Moialde (20 ha)
Están estabilizados os de Monfero-Queixeiro, que afecta o Parque Natural das Fragas do Eume (5 ha), A Estrada-Souto (20 ha) e Maceda-Castro de Escuadro (450 ha)
Están controlados o da Fonsagrada-Monteseiro (150) e Padrenda-Padrenda (40 ha)
Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2025
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 20.00 horas de hoxe luns.
A CORUÑA
Estabilizado Monfero-Queixeiro. Afecta o Parque Natural das Fragas do Eume
Desde as 20.28 horas de onte domingo está estabilizado o incendio do concello de Monfero, parroquia de Queixeiro, que se iniciou ás 17.01 horas de onte e que afecta o Parque Natural das Fragas do Eume. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 5 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 10 axentes, 14 brigadas, 9 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.
LUGO
Controlado A Fonsagrada-Monteseiro
Está controlado desde as 14.42 horas de onte domingo o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas do martes e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 6 técnicos, 60 axentes, 80 brigadas, 83 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros e 8 avións.
OURENSE
Activo Moialde-Vilardevós. Activada a Situación 2
Está activo desde as 16.05 horas da tarde de hoxe un incendio forestal no concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, no que se vén de decretar a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade aos núcleos de poboación da Silva e San Paio, situados na localidade veciña de Riós. Segundo as últimas estimacións supera as 20 hectáreas e, polo de agora mobilizáronse na súa extinción 1 técnico, 4 axentes, 6 brigadas, 6 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 6 avións.
Activo Paredes-Montederramo
Está activo desde as 04.50 horas da madrugada de hoxe un incendio forestal no concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 70 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo momento, 2 técnicos, 3 axentes, 7 brigadas, 5 motobombas, 3 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 6 helicópteros e 4 avións.
Activo Verín-Mourazos. Desactivada a Situación 2
Continúa activo o incendio forestal do concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, iniciado ás 13.15 horas de hoxe e no que xa se desactivou a Situación 2, medida preventiva que se adoptou pola súa proximidade ao núcleo de poboación de Tamagos. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 15 hectáreas e, polo momento, para a súa extinción mobilizáronse 1 técnico, 5 axentes, 7 brigadas, 5 motobombas, 1 pala, 2 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 6 avións.
Activo Chandrexa de Queixa-Requeixo
Continúa activo desde as 15.51 horas do venres o incendio forestal do concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta a arredor de 3.000 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 14 técnicos, 46 axentes, 75 brigadas, 36 motobombas, 7 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 12 helicópteros e 14 avións.
Activo Vilariño de Conso-Mormentelos
Desde as 17.30 horas de onte domingo está activo un lume no concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 180 hectáreas de superficie afectada e evoluciona favorablemente. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 10 axentes, 17 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 2 helicóptero e 4 avións.
Estabilizado Maceda-Castro de Escuadro. Desactivada Situación 2
Está estabilizado, desde as 23.37 horas do domingo, o incendio do concello de Maceda, parroquia de Castro de Escuadro, que se iniciou o sábado ás 23.19. Na tarde de hoxe houbo unha reactivación deste lume e, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 450 hectáreas. Iniciouse en entre cinco e seis puntos case simultáneos, o que apunta cara unha clara intencionalidade. Neste lume xa foi desactivada onte a Situación 2, que fora declarada na madrugada do domingo pola súa proximidade ao núcleo da Teixeira. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 5 técnicos, 22 axentes, 35 brigadas, 30 motobombas, 4 pas, 7 helicópteros e 10 avións.
Controlado Padrenda-Padrenda
Permanece controlado, desde as 01.23 horas do domingo, o lume que afecta o concello de Padrenda, parroquia homónima, que se iniciou o venres ás 22.03 horas e que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 40 hectáreas. Para a súa extinción, mobilizáronse polo de agora 10 axentes, 26 brigadas, 9 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 2 avións.
PONTEVEDRA
Estabilizado A Estrada-Souto
Esta estabilizado desde as 22.10 horas de onte o incendio forestal do concello da Estrada, parroquia de Souto, que se iniciou onte domingo ás 12.37 horas e que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 20 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción, mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 7 axentes, 16 brigadas, 16 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 3 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.