A Xunta lembra que o prazo para solicitar as axudas para a redución da xornada laboral e fomento da corresponsabilidade está aberto ata o 14 de agosto
A convocatoria deste ano, dotada de 620.000 euros, ofrece achegas que poden oscilar entre os 1.700 e os 3.700 euros por un período máximo de oito meses
Está dirixida a todo tipo de unidades familiares con fillas ou fillos de ata 3 anos ou 12 no caso de ter recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33 %
Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2025
A Xunta lembra que o prazo para solicitar as axudas para compensar a redución da xornada de traballo das familias está aberto ata o vindeiro 14 de agosto. O obxectivo destas achegas e apoiar ás familias que deber facer axustes no seu horario laboral para atender ás súas fillas e fillos de ata 3 anos ou 12 ou con discapacidade.
O Goberno galego destina a estas achegas 620.000 euros, que están financiadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa FSE+Galicia 2021-2027. Trátase dunhas achegas fundamentais para impulsar a corresponsabilidade e que cada vez sexan máis homes os que pidan a redución da xornada laboral. Deste xeito, o Goberno galego aposta por conseguir un cambio de tendencia e avanzar cara unha conciliación corresponsable cun maior equilibrio no reparto dos tempos das tarefas dos coidado, ao tempo que se favorece a empregabilidade e a promoción profesional das mulleres.
Estas axudas están dirixidas a todo tipo de unidades familiares, como as monoparentais, as monomarentais, as integradas por persoas do mesmo sexo e para os homes nos casos de familias de distinto sexo. A súa contía oscila desde os 1.700 aos 3.700 euros, en función da porcentaxe de redución da xornada de traballo e do número de menores a cargo. O máximo período subvencionable será de oito meses, comprendido entre o 1 de agosto de 2024 e o 31 de xullo de 2025.