A delegada da Xunta visitou a asociación de veciños de San Pantaleón das Viñas que aproveitará este apoio para levar a cabo a substitución do sistema de calefacción e a reparación da cuberta da terraza do local social

Belén do Campo destaca que a Xunta apoia con seis axudas a entidades veciñais da comarca de Betanzos a través do Plan específico de acción comunitaria da Xunta con máis de 30.000 euros

As achegas van dirixidas a asociacións veciñais e de mulleres rurais, así como a comunidades de usuarios de augas e poden acadar a totalidade do investimento realizado

A través desta medida fináncianse os investimentos en inmobles e na adquisición do material necesario para o seu funcionamento

Paderne (A Coruña), 12 de agosto de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou, esta mañá, a asociación de veciños San Pantaleón das Viñas beneficiaria das axudas do Plan específico de acción comunitaria de 2025 que contan con 270 socios. A delegada anunciou que xa están resoltas as axudas deste ano. Neste senso apuntou que en Galicia medran os proxectos impulsados, con 454 actuacións fronte ás 341 de 2024, dos cales 72 proxectos son da provincia da Coruña e informou que na comarca de Betanzos reciben estas achegas, a asociación de veciños San Pantaleón das Viñas en Paderne, San Salvador de Vións en Abegondo, Cabrui-o Cruceiro en Mesía, Veciños e Veciñas de Présaras en Vilasantar da liña de obras e a asociación de veciños de Santa María de Fisteus en Curtis e de Mulleres Rurais de Nosa Señora do Rosario en Vilarmaior da liña de equipamentos. Estas achegas suman máis de 30.000 euros.

A actuación centrouse no seu local social, datado en 1995, cunha superficie aproximada de 970 metros cadrados distribuídos en tres plantas e un entresollado. A obra consistirá na instalación dun novo sistema de calefacción máis eficiente e na reparación da cuberta da terraza poder gozar da mesma nas tempadas de outono e inverno, que actualmente está limitada a que faga bo tempo. Con esta intervención optimizarase o uso deste espazo para os veciños dando resposta as súas demandas.

A representante do Goberno autonómico apuntou que con estas aportacións se cumpre o obxectivo do Goberno galego de darlle maior resposta á elevada demanda desta liña de axudas, para o que incrementou a dotación ata os catro millóns de euros, un millón máis con respecto aos anteriores exercicios.

Segundo sinalou Belén do Campo estas subvencións buscan apoiar ás entidades que impulsan iniciativas que fomentan a participación cidadá, promoven a cohesión social e contribúen a preservar a identidade cultural de cada territorio. “Trátase, en definitiva, de apoiar ás organizacións máis próximas á cidadanía, que coñecen de primeira man as súas necesidades e que desempeñan un papel fundamental como intermediarias entre a administración e a poboación”, recalcou.

A través desta orde, o Goberno galego contribúe a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal. Deste xeito, poden ser obxecto de subvención os gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en inmobles da titularidade das entidades solicitantes ou sobre os que teña dereito de uso, no caso das asociacións de veciños e de mulleres rurais, así como os equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade e o seu funcionamento ordinario, e as obras nas traídas de auga comunitarias.

Apoio a obras e equipamento

Entre os proxectos subvencionables inclúense dúas liñas, unha delas dotada con 3,4 millóns de euros, para obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas.

A outra liña de axudas financia, cunha achega de 600.000 euros, a adquisición de equipamento necesario para o funcionamento das organizacións beneficiarias. En concreto, mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual, ademais doutro material básico para actividades específicas.

As axudas económicas poden acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos. Ademais, hai a posibilidade da concesión de anticipos de ata o 100% que se farán efectivos unha vez realizada a notificación da subvención, por solicitude da entidade beneficiaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/08/2025