A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático acompañou ás mozas e mozos que participan no campo de voluntariado Rural Influencers
A Xunta anima á mocidade a través da iniciativa ‘Van polo Clima’ a converterse nun activo fronte ao cambio climático e no coidado do medio ambiente
O Executivo galego promove entre a xente nova prácticas sostibles que contribúan a mitigar os efectos do quecemento global actuando de xeito responsable en todos os aspectos da súa vida cotiá, incluídas as actividades de lecer
Paula Uría salienta que esta iniciativa xa estivo presente en distintos festivais musicais nas últimas semanas, que acudirá ao Festival da Luz de Boimorto a final de mes e que en todo o verán chegará tamén a tres campos de voluntariado e a 12 campamentos de ocio e tempo libre da Comunidade
Esta acción do programa Mocidade polo Clima pretende levar a concienciación sobre as boas prácticas no eido climático a máis de 5.000 persoas a través de charlas e outras actuacións de carácter lúdico
Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 12 de agosto de 2025
A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, acompañou hoxe ás mozas e mozos que participan no campo de voluntariado Rural Influencers durante a realización de distintas accións enmarcadas na iniciativa Van polo Clima e animounos a converterse en verdadeiros activos fronte ao cambio climático e no coidado do medio ambiente.
A responsable autonómica asistiu ás actividades desenvolvidas no CEIP Plurilingüe Carballedo ao abeiro do programa Mocidade polo Clima e dirixidas a persoas de entre 18 e 30 anos co fin de que se sintan identificadas con ese concepto -o de moza ou mozo polo clima- e contribúan a mitigar os efectos do quecemento global actuando de xeito responsable en todos os aspectos da súa vida cotiá.
A primeira desas accións consistiu nunha charla ou conversa cos participantes no campamento sobre temas relacionados co medio ambiente e a segunda nunha actividade lúdica en forma de xogos de preguntas e respostas que permiten afondar en diferentes conceptos climáticos e reflexionar sobre eles. Deste xeito, a iniciativa Van polo Clima fomenta as prácticas respectuosas coa contorna e sostibles en todos os ámbitos, desde as tarefas rutineiras da vida diaria ata actividades de lecer como poden ser os festivais musicais ou os campamentos de verán.
De feito, a directora xeral lembrou que a furgoneta rotulada desta acción de sensibilización ambiental xa estivo en distintos festivais como O Son do Camiño (Santiago de Compostela), Port América (Portas), o Atlantic Fest (Vilagarcía de Arousa) ou o Morriña Fest (A Coruña) e a finais de mes estará no Festival de la Luz (Boimorto). A maiores, durante todo o verán chegará a tres campos de voluntariado e doce campamentos de ocio e tempo libre dirixidos á xente nova repartindo distintos agasallos -como toallas, gorros ou pulseiras- entre os participantes.
O obxectivo último de Van polo Clima é chegar a máis de 5.000 rapazas e rapaces de Galicia ou do exterior que visitan a comunidade, unha acción que serve tamén para promocionar entre o público ao que vai dirixido a primeira edición dos premios Mozo/a polo clima, que pretende recompensar o talento xuvenil dándolle visibilidade a algunhas das súas iniciativas, proxectos e ideas no eido social e empresarial, na investigación, na cultura ou na arte e que teñan algún tipo de impacto positivo no clima galego.