O presidente da Xunta visitou o Centro de Coordinación Central de Defensa contra os Incendios Forestais
Rueda salienta que se están extinguindo arredor de 30 lumes diarios e que no que vai de agosto xa houbo 250 incendios máis que o ano pasado
Fai un chamamento á prudencia ante as previsións meteorolóxicas, que fan que a situación vaia seguir sendo “moi complicada” nos próximos días
Agradece o traballo dos profesionais e a colaboración doutras administracións e dos corpos e forzas de seguridade e resalta “o civismo da poboación”
Lembra que moitos dos incendios son provocados e insiste en que “seremos implacables” coas persoas que os prenden
Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2025
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, sinalou hoxe, durante unha visita ao Centro de Coordinación Central de Defensa contra os Incendios Forestais en Santiago de Compostela que, desde que comezou o mes de agosto, se están extinguindo polos servizos da Xunta de Galicia “arredor de 30 ou 35 lumes diarios”, o que supón “uns 250 máis dos que houbo que extinguir no mesmo período do ano pasado”.
Rueda, que estivo acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, indicou que isto require “un esforzo moi importante”, polo que agradeceu “o traballo que están facendo os miles de profesionais”, así como “a colaboración de todas as administracións, e a Unidade Militar de Emerxencias (UME), que está botando unha man fundamental”.
O presidente autonómico tamén resaltou “o civismo da poboación que se ve afectada”, e fixo un chamamento á prudencia e á responsabilidade, lembrando que “nos próximos días e durante a fin de semana vanse manter sobre todo na provincia de Ourense temperaturas aínda moi altas”, polo que “a situación vai seguir sendo moi complicada”.
“Isto é unha tarefa de todos”, salientou o responsable do Executivo autonómico, que agarda que esta situación “que se está producindo tamén en moitas comunidades autónomas pase canto antes ou polo menos baixe a súa intensidade”. Rueda lembrou que moitos dos incendios son provocados e advertiu de que “seremos implacables” coas persoas que os prenden “con todos os medios que temos” e que serán “postos á disposición da Xustiza”.