O Plan Corresponsables da Xunta financia as actividades de animación sociodeportiva que a federación galega de fútbol promove en Ferrol
A delegada territorial, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación da iniciativa que se levará a cabo durante os meses de agosto e setembro en instalacións municipais
O Plan Corresponsables promove a conciliación a través da habilitación de servizos de coidado profesional ao tempo que fomenta a práctica deportiva entre a poboación máis nova
Ferrol, 13 de agosto de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación das actividades sociodeportivas que a Real Federación Galega de Fútbol vai desenvolver durante agosto e setembro con cargo ao Plan Corresponsables no ámbito do deporte promovido polas consellerías de Política Social e Igualdade e Presidencia, Xustiza e Deportes.
As actividades, que están dirixidas a mozas e mozos de ata 16 anos, desenvolveranse con carácter gratuíto en dúas quendas, unha de mañá de 12:00 a 13:30 horas e outra de tarde de 19:00 a 20:30 horas, en diferentes instalacións municipais do Concello de Ferrol axeitadas para a práctica do fútbol campo e fútbol sala. Estarán guiadas por persoal técnico da federación e pódese solicitar máis información e formalizar as inscricións a través do correo electrónico: corresponsables@futgal.es.
O Plan Corresponsables, que alcanza este ano a súa cuarta edición, financia servizos de coidado profesional con actividades de animación socio-deportivas para nenas e nenos de ata 16 anos inclusive.
Aneiros destacou durante a presentación que con este plan “o Goberno galego pretende promover a conciliación e a igualdade de oportunidades para mulleres e homes con fillos de ata 16 anos ao cargo, fomentando a corresponsabilidade ao habilitar servizos de coidado profesional con actividades de animación sociodeportivas, á vez que fomenta o deporte base en distintas modalidades e favorecendo a convivencia e o xogo en equipo desde as idades máis temperás e a adquisición de hábitos de vida saudables grazas aos beneficios do deporte para a saúde física e mental”.
A delegada territorial puxo en valor ademais a creación de emprego de calidade no sector dos coidados garantindo a calidade dos servizos mediante as bolsas de coidado profesional.