O presidente da Xunta visitou Chandrexa de Queixa, unha das zonas máis afectadas polos incendios
Rueda resalta a importancia de intensificar a colaboración cos concellos na loita contra os lumes
Chandrexa de Queixa (Ourense), 13 de agosto de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou Chandrexa de Queixa, unha das zonas máis danadas polos incendios e onde destacou a importancia de reforzar a colaboración cos concellos na loita contra este tipo de emerxencias.
Na provincia de Ourense hai máis de 900 efectivos traballando e 31 medios aéreos nos incendios activos da zona, que está en Situación 2 durante dous días. “Preocupan todos os incendios, pero os da zona da Mezquita e da zona de Oímbra-Monterrei son os que presentan máis complicacións dentro da complicación xeral que estamos pasando”, afirmou.
Rueda quixo agradecer unha vez máis o labor dos profesionais que loitan contra os lumes e “que están facendo un traballo titánico”, e recalcou que o que hai que facer é “apagar os lumes, protexer as vivendas e as vidas”.
Ao remate, informou do seu desprazamento ata o Centro de Coordinación de Incendios en Ourense para ser informado da situación actual dos lumes no resto da provincia.