O delegado da Xunta enxalza en Becerreá o traballo que realizan os profesionais do servizo de prevención e loita contra os incendios
Villares visitou ao equipo de persoal do Distrito Forestal VII A Fonsagrada - Os Ancares e coñeceu o funcionamento da unidade batracio, pioneira na comunidade
Becerreá (Lugo), 23 de xullo de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, enxalzou hoxe o traballo que realiza todo o equipo de profesionais do servizo galego de prevención e defensa contra incendios (SPIF), no transcurso dunha visita ao Distrito Forestal VII A Fonsagrada - Os Ancares.
Villares resaltou a importancia das accións que desenvolven ao longo do ano en materia preventiva e precisou que, esta zona en concreto, abrangue unha superficie forestal dunhas 150.000 hectáreas e 96.000 hectáreas arboradas, das que aproximadamente 27.000 son de xestión pública.
O delegado subliñou os avances que se produciron nos últimos anos coa incorporación de medios como os tractores dos distritos, que teñen unha gran utilidade en tarefas preventivas, xa que garanten unha maior eficacia e versatilidade para moverse polo monte.
Ademais, no distrito de Becerreá existe unha unidade batracio pioneira en toda a comunidade autónoma, con gran capacidade tanto na extinción de incendios como na prevención. Está equipada con tres tractores, cisterna, máquina hidrostática, bulldozer, góndola, motobomba, vehículo de emerxencias e balsa de auga.
En canto aos efectivos humanos despregados do distrito VII durante a actual campaña de defensa contra incendios, entre as dúas comarcas contan con 14 brigadas da Consellería do Medio Rural, que se ven reforzadas con outras tres da empresa pública SEAGA, cinco brigadas municipais e dúas helitransportadas. O resto do operativo está integrado por axentes forestais, técnicos, emisoristas, vixiantes, condutores e codificadores de datos.
Villares agradeceu a profesionalidade e o traballo de todo o persoal e fixo fincapé na importancia de realizar tarefas preventivas durante todo o ano. Novamente realizou un chamamento á cidadanía para para extremar as precaucións e denunciar condutas delitivas causantes dos lumes.
Nese sentido, sinalou que a Xunta puxo en marcha a aplicación ALume, unha canle específica para alertar da detección de lumes forestais. Tamén se poden comunicar a través do teléfono gratuíto 085. Por último, no número anónimo e gratuíto 900 815 085 pódese informar de calquera actividade incendiaria sospeitosa.