A Xunta facilita a conciliación durante o verán a través do deporte nunha nova edición do Plan Corresponsables
O xefe do Servizo Provincial de Deportes da Coruña visitou o cento de rapaces e rapazas que participaron esta mañá en Arteixo en actividades de judo e de salvamento
Un total de 16 federacións deportivas galegas sumáronse a esta cuarta edición da iniciativa
A participación no conxunto das anteriores convocatorias ascende a 40.000 nenos e nenas de ata 16 anos
Arteixo (A Coruña), 14 de agosto de 2025
O xefe do Servizo Provincial de Deportes da Coruña, Roberto García, compartiu hoxe cun cento de nenos e nenas as actividades desenvolvidas polo JK Centro Deportivo de judo e o Club Salvamento Arteixo no marco do Plan Corresponsables. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Xunta para promover a igualdade de oportunidades para mulleres e homes con fillos e fillas menores a cargo, habilitando servizos de coidado profesional mediante unha ampla oferta deportiva ata o 30 de setembro.
Na visita, Roberto García puido comprobar, por unha banda, o desenvolvemento de actividades de psicomotricidade adaptada ao judo no chan e traballos específicos de forza-resistencia, velocidade de reacción, judo no chan e outros con 30 nenos e nenas da man do JK Centro Deportivo de Judo nas instalacións do CEIP Arteixo. Posteriormente, desprazouse ata a praia de Sabón, onde percorreu as tres estacións de adestramento habilitadas polo Club Salvamento Arteixo e nas que 70 nenos e nenas practicaron reanimación e salvamento e socorrismo na auga e na beiramar, ademais de realizar unha mini competición de bandeiras.
Esta cuarta edición o Plan Corresponsables conta coa participación de 16 federacións deportivas galegas: judo, remo, bádminton, tenis de mesa, squash, balonmán, bolos, salvamento e socorrismo, piragüismo, vela, taekwondo, fútbol, loita, montañismo, esgrima, e surf.
Promoción do deporte base
O plan promove, por cuarto ano consecutivo, a conciliación e a igualdade de oportunidades para mulleres e homes con fillos de ata 16 anos ao cargo fomentando a corresponsabilidade, ao habilitar servizos de coidado profesional con actividades de animación socio deportiva para nenos e nenas e mozos e mozas destas idades. Deste xeito, mellorarase a vida cotiá das familias e a súa conciliación laboral, familiar e persoal, sobre todo coincidindo coas vacacións de verán nos centros educativos.
Ademais de promocionar a igualdade e a corresponsabilidade entre mulleres e homes, o Plan Corresponsables fomenta o deporte base achegándolle á rapazada distintas modalidades e favorecendo a convivencia e o xogo en equipo desde as idades máis temperás e a adquisición de hábitos de vida saudables grazas aos beneficios do deporte para a saúde física e mental. Tamén axuda á creación de emprego de calidade no sector dos coidados garantindo a calidade dos servizos mediante as bolsas de coidado profesional.
A través deste apoio, a Xunta financia os gastos derivados da habilitación de servizos de coidado profesional de nenos, nenas e mocidade ata 16 anos inclusive, isto é, custos salariais e de cotización á Seguridade Social e gastos relacionados co desenvolvemento de actividades de animación socio deportiva realizadas polas federacións no marco dos seus programas deportivos.
A participación no plan sumou nas edicións anteriores case 40.000 menores. Ademais, tras o éxito colleitado, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes asinou un convenio coas tres universidades galegas -Universidade da Coruña (UDC), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade de Vigo (UVigo)-, para o desenvolvemento do Plan Corresponsables. Deste xeito, ao igual que as federacións deportivas, tamén poden organizar actividades e axudar a conciliar ás familias grazas ao deporte.