A Xunta destaca a importancia da Copa Galicia de Baloncesto como demostración da forza e a calidade deste deporte na comunidade

A Coruña, 14 de agosto de 2025

O xefe do Servizo Provincial de Deportes na Coruña, Roberto García, participou na presentación da Copa Galicia de Baloncesto 2025, prevista para setembro na Coruña, onde destacou a importancia deste evento como “demostración da forza e a calidade do baloncesto galego, tanto dos equipos como das afeccións”. Segundo apuntou, trátase dunha relevante competición de pretemporada, que serve ademais como punto de encontro para distintas afeccións da comunidade, xa que nesta edición participan os equipos Leyma Basquet Coruña, Monbús Obradoiro, de Santiago de Compostela, Río Breogán, de Lugo, e Club Ourense Baloncesto.

O xefe do servizo provincial referiuse tamén á actual fortaleza da práctica do baloncesto en Galicia, cunha cifra récord de licenzas de deportistas, 17.000, e logros históricos dos equipos, como a chegada do Baxi Ferrol á final europea feminina deste ano. Roberto García animou a cidadanía a desfrutar da intensidade e a emoción deste deporte asistindo aos diferentes encontros que terán lugar o próximo mes no Coliseum da Coruña.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/08/2025