Román Rodríguez lembra a importancia de seguir doando sangue no verán para garantir as reservas que precisa o Servizo Galego de Saúde
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) leva ata Sanxenxo a campaña “Non esquezas doar antes de veranear” que tenta sensibilizar á cidadanía da importancia do solidario xesto da doazón de sangue
No pasado ano, Sanxenxo acadou unha cifra de 852 doazóns, incrementando a taxa anual dez puntos respecto do 2023
ADOS informa de que as reservas dos grupos sanguíneos A+ A- O+ están baixas e anima a doar a toda a cidadanía
Pola tarde, a unidade estará emprazada na Praza de Portugal de 16,00 a 21,00h
Sanxenxo (Pontevedra), 14 de agosto de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López, visitou hoxe a unidade móbil de doazón desprazada a Sanxenxo. No transcurso da visita, onde aproveitou para realizar este xesto solidario, o representante da Xunta lembrou a importancia de seguir realizando doazóns no verán para garantir as reservas de sangue no Servizo Galego de Saúde.
“Doar sangue é moi sinxelo e rápido, máis aínda grazas ao desprazamento destas unidades, e é unha acción que contribúe de xeito decisivo a salvar vidas, en calquera época do ano”, incidiu o conselleiro.
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue leva ata Sanxenxo a campaña “Non esquezas doar antes de veranear”, que tenta sensibilizar á cidadanía galega da importancia do solidario xesto da doazón de sangue nos meses de verán.
Deste xeito, unha unidade móbil da axencia estará estacionada na Praza do Mar hoxe xoves, en horario de 10,00 a 14,00h. Pola tarde, a unidade estará emprazada na Praza de Portugal de 16,00 a 21,00h.
Como mostra de agradecemento, as persoas que se acheguen a doar recibirán un agasallo especial.
A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue informa de que as reservas dos grupos sanguíneos A+ A- O+ están baixas e anima a doar a toda a cidadanía.
220 concellos acollen a campaña
“Non esquezas doar antes de veranear” desenvólvese en 220 concellos galegos e forma parte da campaña especial de doazón de sangue do verán, un período especialmente sensible, xa que estas datas estivais presentan dificultades engadidas para manter estable o volume de doazóns de sangue necesarias para levar a cabo o intenso labor asistencial dos hospitais galegos.
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue lembra que todos os días son precisas máis de 400 doazóns de sangue e, en verán, debido á deslocalización dos doantes habituais por mor das vacacións, é preciso reforzar o chamamento á solidariedade.
Concello solidario
No pasado ano, Sanxenxo acadou unha cifra de 852 doazóns, polo que ADOS traslada a toda a veciñanza deste Concello o recoñecemento pola súa colaboración e xenerosidade. Ademais, esta cifra supuxo a obtención dunha taxa anual de 48 doazóns por cada 1.000 habitantes, incrementándose dez puntos respecto do 2023.
Deste xeito, a Axencia amosa o seu agradecemento á corporación municipal pola súa colaboración e apoio ás iniciativas destinadas a promover a doazón de sangue, tanto nesta campaña de verán como no resto de visitas das unidades móbiles desenvolvidas en Sanxenxo durante todo o ano.
Xesto sinxelo, xeneroso e solidario
Calquera persoa entre 18 e 70 anos que pese máis de 50 quilos cunha boa saúde, pode achegarse ás unidades móbiles de ADOS ou aos locais de doazón de sangue nas sete grandes cidades, onde serán atendidos por persoal sanitario especializado.
Grazas a colaboración de toda a sociedade galega, case 31.000 pacientes recibiron unha transfusión dun compoñente sanguíneo no pasado ano 2024, e ADOS agradece a súa participación as persoas que doan sangue.
Sen a colaboración altruísta de milleiros de doantes de sangue cada ano, sería imposible realizar intervencións cirúrxicas, transplantes de órganos, transplantes de medula ósea ou axudar a doentes que loitan contra o cancro ou a leucemia.
ADOS lembra que doar sangue é un xesto sinxelo, xeneroso e solidario, e convida a toda a cidadanía, maior de idade e en bo estado de saúde, a participar nesta campaña e dedicar 15 minutos do seu tempo para salvar vidas Doar antes de veranear é garantir que o sangue estará dispoñible cando máis se precisa.
Para máis información esta dispoñible a páxina web de ADOS: www.ados.sergas.gal
Tamén nas redes sociais:
X: @doadoressangue
https://www.facebook.com/doadoressangue
Instagram: @doadoressangue
https://www.youtube.com/@doadoressangue
E un teléfono gratuíto de información, 900 100 828 para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.