A Xunta publicará o vindeiro martes no DOG a convocatoria das axudas á mocidade para sufragar os custos dos carnés para coches e motocicletas

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incorpora como novidade nesta edición o permiso de conducir clase A2

Estes apoios, que buscan favorecer a empregabilidade da xente moza, son acumulables, polo que se poden solicitar para ambas as dúas modalidades

As persoas solicitantes deben ter entre 18 e 30 anos, estar empadroadas en Galicia e non estar traballando por conta propia nin allea

Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2025

A Xunta publicará no Diario Oficial de Galicia, o vindeiro martes, día 19, a convocatoria da liña de axudas para que a mocidade poida sufragar os custos dos carnés para coches e motocicletas. Nesta edición, a novidade é a incorporación do permiso clase A2, subvencionado con 150 euros, que se suma ao importe para o permiso B,  que será de 400 euros.

O obxectivo deste apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é contribuír á mellora das posibilidades da xente nova en situación de desemprego, na medida en que se lles facilita un instrumento que amplía as súas competencias e o seu currículo como elemento de profesionalización, ademais de incidir positivamente na súa autonomía persoal.

Para acceder a esta convocatoria, as persoas interesadas deberán acreditar ter entre 18 e 30 anos de idade, estar empadroadas en Galicia cunha antigüidade mínima dun ano e non estar traballando por conta propia nin allea. Ademais, as axudas son de carácter retroactivo, xa que poden presentar solicitude aquelas que teñan aprobado o permiso de conducir con data de expedición a partir do 1 de outubro de 2024.

De igual xeito, exíxese que a suma dos ingresos anuais dos membros da unidade familiar debe ser igual ou inferior a cinco veces o indicador público de renda de efectos múltiples de 2025 no seu cómputo anual. Tamén cómpre destacar que as axudas poden ser acumulativas, polo que unha mesma persoa pode solicitalas para obtención dos dous permisos, B e  A2.

Aínda que a convocatoria sae o día 19, o prazo para formular as solicitudes abrirase o 25 de agosto co ánimo de facilitar a recompilación da documentación necesaria, e pecharase o 25 de setembro, inclusive.

Data de actualización: 15/08/2025