A Xunta reforza os coñecementos sobre reciclaxe da veciñanza de preto dunha vintena de concellos coa campaña ‘Separa. Depende de ti’

O obxectivo desta iniciativa, impulsada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a empresa pública Sogama, é promover a colaboración cidadá na consecución de maiores cotas de reciclaxe, contribuíndo así ao cumprimento dos obxectivos europeos nesta materia

A aula itinerante desta acción pon o foco nos impropios, os residuos que por erro, descoñecemento ou falta de concienciación van ao contedor equivocado, limitando ou chegando a impedir a reciclaxe dos que foron depositados de xeito correcto

Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2025

A Xunta reforzou desde o mes de xuño os coñecementos sobre unha correcta reciclaxe da veciñanza de 17 concellos galegos das catro provincias a través da aula itinerante da campaña Separa. Depende de ti. O obxectivo desta iniciativa, impulsada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), é promover a colaboración cidadá na consecución de maiores cotas de reciclaxe, contribuíndo así ao cumprimento dos obxectivos europeos nesta materia.

Por iso mesmo, a campaña -lanzada o pasado 5 de xuño coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente- presta especial atención aos denominados “impropios”, aqueles residuos que por erro, descoñecemento ou falta de concienciación acaban no contedor equivocado, limitando ou mesmo chegando a impedir a reciclaxe daqueles que foron depositados de xeito correcto.

A aula itinerante, atendida por educadores especializados en residuos, informa dos impropios máis comúns e lembra os refugallos que deben depositarse nos principais contedores que os usuarios atopan na rúa. O amarelo está destinado aos envases de plástico, latas e briks -nunca plásticos que non sexa envases nin envoltorios-, o azul para papel e cartón -evitando aqueles que estean sucios, mollados ou con restos de graxa-, o iglú verde para os envases de vidro -sen tapas nin tapóns-, o marrón para a materia orgánica e o xenérico, para a fracción resto, aqueles refugallos non reciclables que Sogama converte en enerxía eléctrica.

Neste sentido, e tendo en conta que no contedor xenérico aínda adoita haber materiais que se poden reciclar, a empresa pública dependente da Xunta conta cunha planta que opera coas últimas tecnoloxías e, mediante mecanismos e procesos de última xeración, consegue seleccionalos para o seu posterior envío aos centros recicladores, aínda que nalgúns casos non sexan aproveitables por falta de calidade ao chegar mesturados con restos orgánicos e outros impropios. Por iso a campaña incide en que a separación en orixe por parte da cidadanía é a base para unha reciclaxe de calidade.

De feito, para que a poboación sexa consciente da importancia da súa colaboración, Separa. Depende de ti emprega o concepto de manchas, evidenciando que separar residuos correctamente é tan sinxelo e importante como non mesturar cores.

Boas prácticas

Na mesma liña, tamén proporciona información relevante sobre o que acontece cando clasificamos axeitadamente e cando non. Se separamos ben, aclara, os residuos convértense en recursos valiosos para a fabricación de novos produtos, reducindo a necesidade de extraer da natureza materias primas virxes, reducindo así a contaminación e xerando postos de traballo.

Cando se fai mal contamínanse os refugallos que foron separados correctamente e complícase o proceso de recuperación, o que encarece todo, pois separar os impropios require de tempo e diñeiro extra, co engadido de que se perden materiais con certo valor que poderían transformarse en novos artigos de utilidade.

A aula itinerante, que inclúe actividades lúdicas como xogos con distintos premios, estivo en catro concellos da provincia da Coruña (Curtis, Ordes, Frades e San Sadurniño), en catro de Lugo (Viveiro, Cervo, Foz e Ribadeo), en dous de Ourense (O Barco de Valdeorras e O Carballiño) e en sete de Pontevedra (Sanxenxo, Bueu, Poio, Cambados, Silleda, Moaña e Cangas). O próximo destino da campaña será Ferrol en vindeiras datas.

A iniciativa tamén ofrece datos curiosos, como que cada tonelada de cartón reciclado aforra o equivalente á enerxía que necesita un fogar durante seis meses ou que reciclar unha botella de vidro aforra a enerxía suficiente para manter un televisor aceso durante 20 minutos. Outros exemplos son que reciclar tres botellas aforra a enerxía que se precisa para cargar un teléfono móbil durante todo un ano, que se necesitan 500 anos para que unha botella de plástico se degrade na natureza, que co aluminio reciclado de 19.000 latas se pode fabricar un coche enteiro ou que por cada tonelada de briks reciclados se pode aforrar ata tonelada e media de madeira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/08/2025