O director de Augas de Galicia presidiu a primeira reunión dos socios locais do proxecto europeo Resurexion

Galicia aposta por solucións baseadas na natureza para facer fronte aos riscos derivados de fenómenos meteorolóxicos extremos como as inundacións ou secas

Roi Fernández salienta que a Xunta está a impulsar actuacións dirixidas a devolver ao río o seu espazo así como outras para restaurar a funcionalidade do sistema en situacións de crecemento dos caudais

Outra medida impulsada pola comunidade é a creación de espazos de inundación controlada, para que reciban e reteñan grandes volumes de auga contribuíndo así a protexer tanto á poboación como ao medio ambiente

Augas de Galicia é o único socio español do proxecto europeo Resurexion e conta a nivel autonómico coa participación de distintos departamentos do Executivo galego, das tres universidades e da Federación Galega de Municipios e Provincias

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2025

O director de Augas de Galicia, Roi Fernández, presidiu recentemente a primeira reunión dos socios locais do proxecto europeo Resurexion (Desenvolvemento dunha estratexia de resiliencia multinivel para zonas urbanas e concas hidrográficas ante condicións climáticas extremas) no que Galicia aposta por solucións baseadas na natureza para facer fronte aos riscos derivados de fenómenos meteorolóxicos intensos como as inundacións ou as secas.

O representante do organismo responsable de xestionar os recursos hídricos da demarcación hidrográfica Galicia-Costa puxo en valor que esta iniciativa, que conta con socios de oito países europeos e na que Augas de Galicia é o único socio español, ten como finalidade reforzar a capacidade de adaptación das cidades e das concas fluviais a fenómenos meteorolóxicos adversos por precipitacións ou secas continuadas.

Roi Fernández explicou que a participación galega no proxecto -financiado polo programa Interreg Europe e cun orzamento de máis de 2 millóns de euros para o período 2025-2029- se centrará na mellora do Plan de Xestión do Risco de Inundacións da Demarcación Galicia-Costa e do Plan Hidrolóxico de Galicia, incorporando solucións baseadas na natureza, a xestión integrada dos recursos hídricos e a prevención de riscos asociados a eventos extremos.

Nesta liña, lembrou que o organismo autonómico está a impulsar actuacións dirixidas a devolver ao río o seu espazo así como outras para restaurar a funcionalidade do sistema en situacións de crecemento dos caudais e a creación de espazos de inundación controlada co fin de que reciban e reteñan grandes volumes de auga durante episodios de choivas intensas ou inundacións.

Deste xeito reduciríase o risco de asolagamento en zonas urbanas ou con infraestruturas sensibles permitindo que a auga se desborde de xeito seguro e minimizando o impacto nas áreas máis vulnerables. Ao funcionar como espazos de contención temporal, estes espazos contribuirían á xestión eficaz dos caudais extremos protexendo tanto á poboación como ao medio ambiente.

Esta medida, pioneira en España, xa está a dar os seus primeiros pasos coa licitación do contrato para redactar coa máxima axilidade posible eses proxectos -hai sete previstos inicialmente pero poderían ampliarse ata dez- de redución de risco de inundación mediante o deseño de áreas de asolagamento controlado.

Estes proxectos sumaranse ás intervencións habituais de restauración fluvial que desenvolve Augas de Galicia, de eliminación de barreiras artificiais, recuperación de canles naturais e actuacións para a mellora da conexión hidrolóxica.

Acción

O proxecto europeo Resurexion é unha iniciativa estratéxica financiada polo programa Interreg Europe no que participan socios de oito países europeos: España -con Augas de Galicia como única entidade española participante-, Países Baixos, Portugal, Bélxica, Finlandia, Dinamarca, Moldavia e Austria, co Ministerio de Infraestruturas e Xestión da Auga dos Países Baixos como socio líder.

No caso galego, entre os socios locais están distintos departamentos da Xunta -ademais de Augas de Galicia, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o Instituto de Estudos do Territorio, a Dirección Xeral de Urbanismo, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural-, as tres universidades galegas e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

O proxecto, cunha duración de catro anos (2025-2029) e un orzamento total de máis de 2 millóns de euros, conta con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Deses fondos, a Augas de Galicia correspóndenlle máis de 220.000 euros para a realización dos distintos traballos asociados a esta iniciativa.

Data de actualización: 17/08/2025