A Xunta remata a actualización do proxecto para a renovación da rúa Serra de Meira, en Lugo

Javier Arias adianta que se prevé un investimento duns 882.000 euros e que o seguinte paso debe ser a sinatura dun convenio co Concello de Lugo para poder actuar nesta vía de titularidade municipal

Lugo, 19 de agosto de 2025

A Xunta conta xa co proxecto actualizado para a renovación da rúa Serra de Meira, en Lugo, concretamente do tramo comprendido entre as rotondas de Serra de Meira e a avenida Adolfo Suárez, que se enmarca no conxunto de intervencións do Plan Paradai. A Axencia Galega de Infraestruturas encargou hai uns meses a actualización do proxecto, que prevé un investimento de preto de 882.000 euros.

O delegado territorial, Javier Arias, detallou que o seguinte paso debe ser a sinatura dun convenio co Concello de Lugo “para que a Xunta poida executar as obras nesa vía, de titularidade municipal”. O goberno local deberá solicitar a maiores a autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, se ben Arias confía en que ese trámite sexa “áxil” tendo en conta que dende a Administración autonómica xa se contactou co organismo de conca antes de iniciar a actualización do proxecto “co ánimo de axilizar as xestións para a materialización desta actuación, tan importante para o desenvolvemento urbanístico desa zona da cidade”. A partires de aí, e con independencia dos informes sectoriais pertinentes, poderíase proceder á licitación do proxecto.

O delegado lembra que o proxecto para a renovación da rúa Serra de Meira actualizouse atendendo ao deseño xeométrico que se pactou co Concello de Lugo na xuntanza celebrada na Delegación Territorial o pasado mes de abril. Así, o plan actualizado contempla a construción dos muros de contención para o ensanche da rúa Serra de Meira fóra da zona de servidume e mantén as actuais ramplas de acceso á contorna do río para peóns e para ciclistas. Tamén se conservan as prazas de aparcamento con disposición en liña na marxe esquerda da vía (a oposta ao río) e as paradas de autobús nas dúas marxes.

Data de actualización: 19/08/2025