A Xunta licita por máis de 180.000 € o subministro de cinco sillóns de exploración e dúas torres endoscópicas para o servizo de otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario da Coruña
A adquisición dos novos sillóns permitirá realizar exploracións de forma máis eficiente, segura e precisa
As novas torres endoscópicas melloran significativamente a precisión diagnóstica e facilitarán a toma de decisións clínica
As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o 22 de setembro para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2025
A Xunta vén de publicar no Portal de Contratos de Galicia a licitación, por valor de 180.290 euros, do subministro de cinco sillóns de exploración clínica, unha torre endoscópica cirúrxica de altas prestacións e unha torre de exploración faringolarínxea, con destino ao servizo de otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
A adquisición dos novos sillóns permitirá realizar exploracións de forma máis eficiente, segura e precisa, grazas a sistemas de motorización integral, opcións de posicionamento automático, rotación con freo electromagnético e melloras na estabilidade e ergonomía. Estas características redundan directamente nunha mellora da calidade asistencial, unha maior seguridade para os pacientes e unha redución do esforzo físico e dos riscos.
Por outra banda, a compra de novas torres endoscópicas suporá unha mellora na precisión diagnóstica e na toma de decisións clínica.
Deste xeito, coa nova torre cirúrxica de altas prestacións, poderanse realizar diariamente intervencións de nariz, base do cranio, oído e cirurxías mediante láser CO₂, con capacidade para delimitarse con precisión os bordes libres de enfermidade en tumores mucosos durante os procedementos cirúrxicos.
Así mesmo, coa nova torre de exploración funcional, poderanse realizar unha media de 10 exploracións diarias, aportando versatilidade na actividade ambulatoria ás consultas externas de otorrinolaringoloxía.
As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o 22 de setembro para presentar as súas ofertas.