Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 08.30 h. de hoxe
Déronse por extinguidos os incendios de Vilardevós-Moialde (1.102 ha); Riós-Fumaces e A Trepa (130,63 ha); Riós-Trasestrada (33,52 ha) e Vilaboa-Santa Cristina de Cobres (72,17 ha)
Están activos os lumes da Pobra do Brollón-Abrence (600 ha e declarada situación 2); Carballeda de Valdeorras-Casaio (4.700 ha) e Avión-Nieva (150 ha)
Permanecen estabilizados os incendios de Chandrexa de Queixa e Vilariño (19.000 ha); Larouco-Seadur (arredor de 30.000 ha); Oímbra e Xinzo de Limia (A Granxa e Gudín, 17.000 ha); A Mezquita-A Esculqueira (10.000 ha); Carballeda de Avia e Beade (Vilar de Condes e As Regadas, 4.000 ha); e Vilardevós-Vilar de Cervos (900 ha)
Continúan controlados os lumes de Maceda (Santiso e Castro de Escuadro, 3.500 ha); Montederramo-Paredes (120 ha) e Carballedo- A Cova (100 ha)
Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2025
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 08.30 horas de hoxe martes.
As principais novidades son a extinción dos lumes de Vilardevós-Moialde, Riós-Fumaces e A Trepa, Riós-Traestrada e Vilaboa-Santa Cristina de Cobres e a actualización da superficie da Pobra de Brollón-Abrence, que chega ás 600 hectáreas. Neste momento son tres os incendios activos en Galicia de máis de 20 hectáreas afectadas, tendo en conta o da Pobra do Brollón, o de Avión-Nieva e o de Carballeda de Valdeorras-Casaio.
LUGO
ACTIVOS
Activo A Pobra do Brollón-Abrence. Activada Situación 2
Desde as 13.06 horas de onte está activo un incendio forestal no concello lucense da Pobra do Brollón, parroquia de Abrence, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 600 hectáreas. Neste lume decretouse a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade aos núcleos de Golmar, nesta mesma localidade; e nos de Conceado e San Pedro, xa no municipio veciño de Quiroga. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 5 técnicos, 19 axentes, 23 brigadas, 28 motobombas, 4 pas, 4 helicópteros e 10 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
CONTROLADOS
Controlado Carballedo-A Cova
Desde as 11.30 horas do domingo permanece controlado o incendio forestal do concello lucense de Carballedo, parroquia da Cova, que se orixinou o xoves 21 ás 18.14 horas e no que tivo que decretarse a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Oleiros, unha situación operativa xa desactivada. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 técnicos, 24 axentes, 44 brigadas, 33 motobombas, 3 pas, 5 helicópteros e 4 avións.
OURENSE
Segue decretada a Situación 2 en toda a provincia, como medida preventiva, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia. Esta situación tamén implica a ampliación do horario laboral do persoal e maior axilidade nos trámites coas diferentes administracións, especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME).
EXTINGUIDOS
Extinguido Vilardevós-Moialde
Desde as 21.16 horas de onte está extinguido o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde. O lume iniciouse o luns 11 ás 16.05 horas e finalmente afectou unha superficie de 1.102 hectáreas, das cales 713 son arboradas e 389 rasas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 28 axentes, 44 brigadas, 23 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 6 avións.
Extinguido Riós-Fumaces e a Trepa
Está extinguido desde as 21.55 horas de onte o incendio iniciado ás 17.41 horas do xoves 14 no concello de Riós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que finalmente afectou unha superficie de 130,63 hectáreas, das cales 82,92 corresponden a arborado e 47,71 a raso. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 3 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 3 avións.
Extinguido Riós-Trasestrada
Ás 21.55 horas de onte deuse por extinguido o lume que comezou o luns 18 ás 14.33 horas no concello ourensán de Riós, parroquia de Trasestrada. Este incendio afectou un total de 33,52 hectáreas, das cales 17,5 son superficie arborada e 16,02 rasa. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 4 axentes, 2 brigadas, 1 motobomba, 2 helicópteros e 3 avións.
ACTIVOS
Activo Avión-Nieva
Desde as 17.09 horas do domingo está activo un lume no concello ourensán de Avión, parroquia de Nieva, que afecta unha superficie estimada de arredor de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 3 técnicos, 20 axentes, 35 brigadas, 20 motobombas, 5 pas, 9 helicópteros e 6 avións.
Activo Carballeda de Valdeorras-Casaio
Segue activo, desde as 18.42 horas do luns 18, o lume do concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 4.700 hectáreas e que entrou en Galicia dende Castela e León. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 10 técnicos, 48 axentes, 86 brigadas, 39 motobombas, 4 pas, 13 helicópteros e 11 avións.
ESTABILIZADOS
Estabilizados os focos de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e o de Vilariño de Conso-Mormentelos
Desde as 13.01 horas de onte permanece estabilizado na súa totalidade o lume de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso (Mormentelos). Estes incendios comezaron en Chandrexa o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o foco do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos. Segundo as últimas estimacións provisionais, o lume afecta unha superficie de arredor de 19.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 172 axentes, 229 brigadas, 123 motobombas, 19 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 34 helicópteros e 29 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Estabilizado Larouco-Seadur
Desde as 11.25 horas do sábado 23 permanece estabilizado o incendio iniciado o mércores 13 ás 18.55 horas no concello ourensán de Larouco, parroquia de Seadur, que afecta unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 54 técnicos, 244 axentes, 319 brigadas, 249 motobombas, 12 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 14 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Estabilizado Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín
Este lume continúa estabilizado na súa totalidade. O martes 12 iniciouse no concello ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un incendio forestal que se uniu con outro rexistrado o pasado venres 15 ás 17.22 horas na localidade ourensá de Xinzo de Limia, Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 17.000 hectáreas, ademais de nas localidades de Oímbra e Xinzo de Limia, nas de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. O foco iniciado en Oímbra-A Granxa deuse por estabilizado ás 22.29 horas do venres 22, e así súmase ao que xa fora igualmente estabilizado ás 02.45 horas do martes 19, correspondente a Xinzo de Limia-Gudín. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 164 axentes, 228 brigadas, 142 motobombas, 6 pas, 8 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 34 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Estabilizado A Mezquita-A Esculqueira
Segue estabilizado, desde as 21.20 horas do venres, día 22, o incendio do concello da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que se iniciaba o martes 12 ás 21.20 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 8 técnicos, 52 axentes, 74 brigadas, 59 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 20 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Estabilizado Carballeda de Avia-Vilar de Condes e Beade-As Regadas
O venres día 15 ás 16.38 horas iniciábase o incendio forestal do concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes. Ese mesmo día, ás 18.16 rexistrouse outro na localidade ourensá de Beade, parroquia de As Regadas. Os dous lumes uníronse nun só, que está estabilizado desde o xoves 21 ás 11.36 horas e que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 4.000 hectáreas, parte delas nos municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 6 técnicos, 110 axentes, 192 brigadas, 104 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 12 avións.
Estabilizado Vilardevós-Vilar de Cervos
Permanece estabilizado desde as 23.44 horas do martes 19 o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, iniciado o mércores 13 ás 18.09 horas. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 23 axentes, 14 brigadas, 15 motobombas, 3 helicópteros e 7 avións.
CONTROLADOS
Controlado Montederramo-Paredes
Continúa controlado desde as 22.05 horas do venres, día 22, o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns 11 ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 6 axentes, 14 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.
Controlado Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)
O domingo 10 e o martes 12 comezaron dous incendios forestais no concello ourensán de Maceda, nas parroquias de Castro Escuadro e Santiso, respectivamente. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume que quedou controlado ás 19.52 horas do venres día 22. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.500 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 11 técnicos, 101 axentes, 157 brigadas, 87 motobombas, 11 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 19 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
PONTEVEDRA
EXTINGUIDOS
Extinguido Vilaboa-Santa Cristina de Cobres
Ás 21.22 horas de onte quedou extinguido o incendio forestal do municipio pontevedrés de Vilaboa, parroquia de Santa Cristina de Cobres, que se iniciou o xoves 21 ás 16.37 horas e no que se activou a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo de Vilar, unha situación xa desactivada. Finalmente afectou 72,17 hectáreas de superficie arborada. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 5 técnicos, 26 axentes, 47 brigadas, 42 motobombas, 2 palas, 3 unidades técnicas de apoio, 5 helicópteros e 8 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
CONFINAMENTOS, EVACUACIÓNS OU DESALOXOS
A proximidade do lume forestal da Pobra do Brollón-Abrence levou á Xunta a activar a protección de núcleos de poboación na Pobra do Brollón e Quiroga. Trátase de Golmar, situado na parroquia de Abrence (A Pobra do Brollón), e de Conceado e San Pedro, pertencentes a Quintá de Lor (Quiroga).
Os veciños saíron das súas vivendas de xeito preventivo polos seus propios medios durante as tarefas de extinción, mais polo de agora non se rexistraron confinamentos ou evacuacións relacionados con este lume. As forzas da orde e os servizos de emerxencias están monitorizando a situación en todo momento.
En canto á provincia de Ourense, continúa a vixilancia sobre as poboacións sen que se produciran novidades en canto á aplicación de medidas de protección á cidadanía.
Cómpre salientar que nos incendios estase a contar coa colaboración de bombeiros dos consorcios provinciais, bombeiros municipais, GES e servizos de emerxencias locais.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.