Lara Meneses reúnese coa mocidade participante no programa da Xunta de intercambio xuvenil con Xapón
Un total de 15 rapaces e rapazas viaxarán, do 7 ao 12 de setembro, á Prefectura de Wakayama, cuxo Camiño Kumano está irmandado co de Santiago
A directora xeral de Xuventude salienta o valor desta actividade para que a xente nova de Galicia se achegue a outras realidades socioculturais e lingüísticas
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude desenvolve por cuarto ano este proxecto, ao abeiro das relacións bilaterais que mantén o Goberno galego con entidades doutros países
Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2025
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, reuniuse coa mocidade galega que vai participar, do 7 ao 12 de setembro, no intercambio xuvenil na Prefectura de Wakayama, no Xapón, cuxo Camiño Kumano está irmandado co de Santiago. Trátase dunha iniciativa enmarcada no programa A xuventude no mundo, organizado ao abeiro das relacións bilaterais que o Goberno galego mantén con entidades doutros países.
A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantivo un encontro presencial, e tamén por videoconferencia, cos 15 participantes desta experiencia para facilitarlles a posta en común de toda a información práctica do programa, no que participa rapazada con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos e que accederon a estas prazas por rigorosa orde de inscrición na convocatoria aberta entre o 26 de maio e o 30 de maio deste mesmo ano.
Lara Meneses salientou o valor deste intercambio, que xa se levou a cabo nos anos 2019, 2023 e 2024, por permitirlle á xente moza da Comunidade “o coñecemento doutras realidades socioculturais e lingüísticas, a comprensión da diversidade cultural e favorecer e potenciar a adquisición de habilidades e competencias non formais de cara ao seu desenvolvemento persoal”. Precisamente, a mocidade participante será acollida pola Prefectura de Wakayama, onde poderá desfrutar dunha programación que inclúe andainas polo Camiño Kumano Kodo, visitas a patrimonios da humanidade e encontros con estudantes e autoridades locais.