A Xunta promove en Ferrolterra o ocio vinculado ás actividades náuticas a través dunha nova edición do minicampamento ‘Valdoviño Mariño V’

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá á vintena de nenos e nenas que participan esta semana na última quenda desta proposta lúdica incluída na campaña de verán 2025 da Xunta

A iniciativa que se leva a cabo no hotel A Roda, en Meirás, inclúe actividades como o surf, paddle surf, caiac, body board, así como outras propostas deportivas como o sendeirismo ou o fútbol praia

Valdoviño (A Coruña), 26 de agosto de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá aos participantes da quinta edición do minicampamento Valdoviño Mariño que se está a desenvolver no hotel A Roda, en Meirás. Esta iniciativa lúdica, a través da que a Xunta de Galicia financia estadías de cinco días en aloxamentos turísticos para nenos e nenas, está incluída dentro da campaña de verán 2025 Modo Verán Activo na que ao longo destes meses levan participado máis de 800 menores en toda Galicia. 

A responsable autonómica, que estivo acompañada do alcalde da localidade, Alberto González, destacou a oportunidade que esta actividade supón para a vintena de nenos participantes á hora de achegarse “ao ocio saudable e activo”. Así, entre as actividades a realizar neste minicampamento centrado en actividades náuticas inclúese o surf, paddle surf, caiac, body board, así como outras propostas deportivas como o sendeirismo ou o fútbol praia. A desta semana é a terceira das tres quendas que este ano aglutinou Valdoviño Mariño V.

Aneiros aproveitou a visita para poñer en valor a campaña de verán promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da que se ofertan durante os meses de xullo, agosto e setembro, diferentes actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo ou formativo e que “supoñen tamén un recurso de conciliación da vida familiar e laboral”, segundo lembrou. Así, ademais dos minicampamentos a campaña inclúe campamentos, campos de voluntariado, programas de intercambio bilaterais con outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/08/2025