A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, deu hoxe conta desta nova actuación que mellorará a mobilidade da veciñanza na contorna

A Xunta executará unha nova senda peonil na estrada AC-960 entre Sergude e Rodiño, en Boqueixón, que suporá un investimento de case 750.000 €

Allegue indicou que o proxecto desta senda se redactará este mesmo outono para poder licitar as obras o vindeiro ano e logo executalas

Trátase dun itinerario de 1,3km que unirá os citados lugares ao longo da AC-960, reforzando a seguridade dos peóns e ciclistas, que son usuarios vulnerables das estradas

Esta intervención engádese a outros tramos de sendas que a Xunta xa executou nesta vía, no treito  A Susana-Polígono industrial-A Eirexe

As actuacións enmárcanse no Plan de Sendas de Galicia, que permitiu construír máis de 300 km de itinerarios seguros e sostibles e sumará outros 120km no marco da segunda fase na que xa está a traballar a Xunta

Boqueixón (A Coruña), 28 de agosto de 2025

A Xunta executará unha nova senda peonil  na estrada AC-960 entre Sergude e Rodiño, en Boqueixón, que suporá un investimento de case 750.000 €.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, deu conta hoxe desta actuación, cuxo proxecto se redactará en outono para poder licitar as obras o vindeiro ano e logo executalas.

Trátase dun novo itinerario cunha lonxitude de 1,3 quilómetros que comunicará os citados lugares deste municipio ao longo da estrada autonómica AC-960, reforzando a seguridade dos usuarios máis vulnerables das vías, é dicir, os peóns e ciclistas.

Esta intervención súmase a outros tramos de sendas que a Xunta xa executou nesta mesma estrada AC-960, ao longo de 1,8km, no treito que une A Susana-Polígono industrial-A Eirexe.

Estas actuacións enmárcanse no Plan de Sendas de Galicia, que permitiu construír máis de 300 km de itinerarios seguros e sostibles nas marxes das vías autonómicas en toda a comunidade. Na actualidade, o Goberno galego está a traballar xa na segunda fase deste plan para seguir estendendo as sendas noutros 120km por toda Galicia.

Cómpre lembrar que este Plan de Sendas foi recoñecido o pasado ano nos premios europeos á excelencia na seguridade viaria da UE.

Allegue subliñou que “a Xunta continúa recuperando espazos para as persoas, para que poidan transitar de forma segura; e conectando o noso territorio baixo a marca da mobilidade sostible e segura”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/08/2025