O Plan de formación do profesorado da Xunta medra nun 10% con fincapé no reforzo das matemáticas, a lectura, a inclusión e a IA

O conselleiro de Educación presenta o catálogo de actividades para este ano, con 133.699 prazas, catro para cada docente, e 6.381 actividades

Mellóranse os itinerarios do programa E-Dixgal, así como os centrados na intelixencia artificial, nos novos docentes e na función directiva

Materialízase a colaboración coas entidades especializadas na atención á diversidade, no marco da nova Estratexia de educación inclusiva

No que atinxe á FP, afóndase nos novos módulos, nas tecnoloxías emerxentes, nas destrezas lingüísticas, na orientación e na redución do abandono escolar

Estas accións constitúen unha das liñas para a posta en valor do docente como piar do sistema, que se acentúa este curso co reforzo da súa autoridade

O pasado curso formouse ao abeiro do plan o 87% dos docentes e 34.202 acreditaron a súa competencia dixital, o 79% nos niveis intermedios e altos

O DOG publica hoxe o novo decreto de formación do profesorado para actualizala aos retos do ensino actual

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou esta mañá o Plan anual de formación do profesorado, que este ano medra en case un 10%. A programación inclúe 6.381 actividades, 135.299 horas de formación e un total de 133.699 prazas, “o que supón que cada docente dispón dunha media de catro prazas para mellorar a súa cualificación profesional e seguir dando a mellor formación ao alumnado”, destacou o conselleiro.

Tal e como explicou, na liña do novo decreto de formación permanente do profesorado, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, “a planificación deste curso aposta por avanzar nunha formación personalizada, a medida do que os docentes precisan para dar resposta aos novos retos do ensino do século XXI”.

Neste sentido, faise fincapé no reforzo das competencias matemática e lectora e no desenvolvemento da dixital, “en liña co Plan MEGA de mellora educativa de Galicia”, dixo. Melloran, ademais, os itinerarios do programa E-Dixgal, “co obxectivo de reforzar o modelo híbrido de aprendizaxe”, explicou o conselleiro, así como as accións centradas na intelixencia artificial.

Acollida de 1.113 docentes

“Este curso entran no sistema educativo un total de 1.113 docentes novos que aprobaron as oposicións deste verán”, sinalou Román Rodríguez, que destacou que se actualiza a formación específica destinada a acollelos e familiarizalos coas súas funcións. Ao tempo, tamén se mellora a dirixida aos equipos directivos.

Por outra banda, e aínda que a inclusión é transversal a todas as accións do plan, este ano faise fincapé neste eido. Para iso, materialízase o acordo coas entidades de atención á diversidade para a súa colaboración tanto no desenvolvemento de accións formativas no marco da nova Estratexia de inclusión educativa (EduInclusión 2030)   

“No que atinxe á FP –afirmou o conselleiro– seguimos apostando por accións que favorezan o contacto do seu profesorado coa realidade do tecido produtivo, a intelixencia artificial e as tecnoloxías emerxentes, sen esquecer o papel fundamental destas ensinanzas na redución do abandono escolar e a importancia das linguas estranxeiras”. 

“Os docentes son a base da calidade do ensino e por iso é preciso ofrecerlles a mellor oferta posible de actividades para que poidan continuar actualizando e ampliando as súas competencias profesionais”, salientou o representante da Xunta. “Establecemos prioridades, arredor dos grandes desafíos, pero tamén abrimos espazos para o traballo e a reflexión en equipo nos propios centros”, indicou. Non en balde, “o 73% da formación desenvólvese nos propios centros, reforzándoos como espazos chave para a formación”, destacou o conselleiro.

Román Rodríguez lembrou, ademais, que estas accións constitúen unha das liñas para a posta en valor do docente como piar do sistema educativo. “Este curso dámoslle un novo pulo con medidas como reforzo da autoridade do profesorado, co fin de recoñecer dar unha nova relevancia social á profesión de ensinante”, afirmou, ao tempo que defendeu a necesidade de prestixiar o seu labor e carreira.

Itinerarios formativos

O Plan anual de formación do profesorado distribúese en dúas partes: o plan xeral e o de capacitación do profesorado de FP e ensinanzas de réxime especial. O primeiro deles estrutúrase arredor de seis liñas prioritarias para a Consellería, en concreto as de  Didáctica, Dixital, Innovación, Convivencia e inclusión, Comunicación e plurilingüismo e Colectivos específicos. Ao seu abeiro establécense 25 itinerarios formativos, que funcionan como unha relación secuenciada e gradual de actividades ligada a esas competencias profesionais docentes que, á súa vez, se estruturan en tres niveis (básico, medio e avanzado). Nelas inclúense tanto a formación en centros, a realizada en liña, os cursos e seminarios e os novos proxectos de investigación e innovación.

Son un total de 5.390 actividades, entre as que destacan como novidades os itinerarios centrados no fomento das competencias matemática e lectora, cun enfoque práctico e baseado na resolución de problemas que acheguen os alumnos a estas materias. Tamén se dá un novo deseño aos itinerarios para a mellora e afondamento na competencia dixital, con actividades centradas no uso da intelixencia artificial para os diferentes colectivos e roles docentes, e a o do programa E-Dixgal, priorizando unha metodoloxía híbrida entre o analóxico e as novas tecnoloxías. Nesta mesma liña, actualízase o vencellado ao desenvolvemento dos Polos Creativos, poñendo o acento na superación de retos e na potenciación da creatividade e a experimentación.

Así mesmo, renóvanse os itinerarios dirixidos aos novos docentes que se incorporan ao sistema e de equipos directivos, afondando nas liñas de mentorización e de concienciación do papel da intelixencia artificial nas súas funcións e responsabilidades. 

No eido da inclusión, colaborarase coas entidades especializadas para a organización de actividades que afonden en cuestións como a identificación de barreiras e a accesibilidade á aprendizaxe, o apoio condutual positivo, a atención educativa ao alumnado en situación de vulnerabilidade socioeducativa e/ou cultural. Tamén haberá formación sobre ámbitos concretos como a atención educativa ao alumnado con trastorno de desenvolvemento da linguaxe, do espectro autista, alumnado con TDAH ou con altas capacidades, entre outros. 

Formación específica para a FP

No que atinxe á capacitación do profesorado de FP e ensinanzas de réxime especial, conta con 991 actividades distribuídas en seis liñas de actuación: Competencias lingüísticas no ámbito profesional, Intelixencia artificial e outras tecnoloxías emerxentes na contorna da FP, Innovación tecnolóxica e didáctica, Competencias vencelladas á implantación da Lei 3/2022, Orientación profesional e acreditación de competencias e Formación en alta especialización. Cómpre lembrar que esta parte do plan está centrada nos docentes de FP e de ensinanzas artísticas, de idiomas ou deportivas, cun carácter profesionalizante e que, polo tanto, teñen os seus propios retos particulares.

Neste apartado destaca a formación específica para os novos módulos vinculados á implantación progresiva da lei de FP, así como a centrada na optimización das destrezas lingüísticas profesionais a través do proxecto VETINEN (Vocational Education and Training Innovative English) de aprendizaxe de inglés mediante IA.

Tamén se afonda nas tecnoloxías emerxentes, ofrecendo capacitación para aplicar á contorna da FP intelixencia artificial, a internet das cousas, a realidade virtual ou a realidade aumentada. Continúase, ademais, coa liña de formación en alta especialización, liderada polo Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, en ámbitos como a biotecnoloxía, o emprendemento industrial, a sustentabilidade ambiental, a intelixencia artificial e big data, a ciberseguridade, a Industria 5.0 ou a fabricación aditiva.

Por outra banda, haberá ata 185 estadías en empresas para que os docentes da FP poidan interactuar coas últimas novidades en equipamento e avances tecnolóxicos. A maiores, ofértase un paquete de actividades de orientación profesional como ferramenta de prevención do abandono escolar, en consonancia co Plan FPGal360 de orientación profesional integral e con indicacións específicas para o uso da ferramenta OPI, de intelixencia artificial, así como outro de formación para o proceso de acreditación de competencias.

87% dos docentes formados

Román Rodríguez fixo balance da aplicación do plan o pasado curso 2024/25, “no que se formou o 87% do profesorado de Galicia, un total de 33.211 docentes”. Cada un deles realizou unha media de 60 horas de formación, arredor de tres actividades. En total desenvolvéronse 5.876 accións formativas, con 124.751 horas, polas que se expediron 82.432 certificacións.

O conselleiro destacou, ademais, que xa son 34.202 os docentes que acreditaron a súa competencia dixital docente, o 79% deles nos niveis intermedios e altos (de B1 a C2).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/08/2025