O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe recolle as bases da convocatoria

A Xunta publica a orde de axudas para garantir a gratuidade das escolas infantís municipais, cun investimento de máis de 8 millóns de euros

Máis de 32.000 familias galegas poderán beneficiarse, un ano máis, da atención educativa gratuíta na etapa 0-3 tanto en centros da Xunta, como dos concellos, de iniciativa social ou privados

O obxectivo é que Galicia continúe liderando a escolarización neste nivel educativo, que hoxe se sitúa no 65%

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2025

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de axudas para o funcionamento e gratuidade da atención educativa das escolas infantís 0-3 e Puntos de Atención á Infancia (PAI) de titularidade municipal para o curso 2025-2026. A Xunta destina a esta convocatoria 8,2 millóns de euros para financiar unhas 7.300 prazas en 145 centros de 0 a 3 anos, nun esforzo compartido coas administracións locais.

Os concellos interesados en acollerse a estas axudas poderán presentar as súas solicitudes do 1 ao 30 de setembro. No caso de escolas infantís e PAI que obteñan o permiso de inicio de actividade con posterioridade á publicación desta orde, o prazo para presentar as solicitudes será dun mes a partir da data da notificación de dito permiso e finalizará, en todo caso, o 28 de novembro.

O obxectivo do Executivo autonómico é que Galicia continúe sendo a comunidade líder en escolarización de 0 a 3 anos, con case un 65% dos nenos e nenas matriculados, o que supón 15 puntos máis que a media nacional e situarse a niveis de países europeos como Suecia e Dinamarca.

A Xunta iniciou no ano 2020 a implantación da gratuidade da atención educativa 0-3, que hoxe está a disposición de máis de 32.000 familias que non teñen que pagar nada pola atención educativa na escola infantil dos seus fillos, xa sexa esta pública, de iniciativa social ou privada. A Xunta destina mais de 65 millóns de euros de fondos propios a esta medida, que supón para os fogares un aforro duns 3.000 euros por curso.

Data de actualización: 29/08/2025